«Catoira, chave e selo de Galicia», un novo libro de Teófilo Edicións

 

 Teófilo Edicións presentaba  no recinco das Torres do Oeste, no marco da Romaría Vikinga, o seu novo libro. “Catoira, chave e selo de Galicia”, unha obra que amosa a través de máis de medio cento de fotografías, un percorrido fotográfico por este municipio da comarca de Caldas no que destaca a especial maridaxe que se da entre  terra e auga.
“Catoira, chave e selo de Galicia” nos somerxe, ao longo dunha sucesión de fermosas imaxes, recollidas pola cámara de Ramón Baamonde, polos lugares máis emblemáticos do municipio, constituíndo unha guía que nos invita a gozar das súas excelencias.
O libro fai un percorrido polo patrimonio cultural espallado polas catro parroquias do municipio: San Mamede de Abalo, San Miguel de Catoira, San Pedro de Dimo e Santa Baia do Oeste; e tamén por fermosos recunchos naturais, destacando a beleza da súa paisaxe con bosques espesos, as atractivas rutas dos ríos Freixeiro e Souto,  ou a lagoa das Pedras miúdas, que se engaden ás súas praias fluviais e marismas.
Un itinerario que ten unha cita obrigada na senda do que foi o Camiño Real de Santiago de Compostela a Vilagarcía, cos restos das Torres do Oeste e a capela de Santiago. Emblemático símbolo deste municipio que acolle cada ano, no seu recinto, a popular Romaría Vikinga.
“Catoira, chave e selo de Galicia” quere ser pois testemuña deste variado patrimonio cultural que, engadido aos atractivos naturais, son un orgullo para os catoirenses e un indiscutible reclamo turístico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar