Proxeccións de cine gratuitas no rural ourensán

Nove concellos do rural ourensán gozarán de “cine de verán”, co apoio da Deputación de Ourense e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro do programa “Redecinema”, que proxectará a película Vilamor, dirixida por Ignacio Vilar e protagonizada por Rubén Riós. Trátase de Cenlle, San Xoán de Río, Esgos, Vilar de Santos, Petín, Laza, Quintela de Leirado, Lobios e San Cristovo de Cea.

Presentación do ciclo de proxeccións da película

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do programa, coa presenza, ademais de Vilar e Riós, do presidente da Deputación, Manuel Baltar, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Baltar destacou que estas proxeccións cinematográficas “gratuítas e en gran formato, achegan a nosa cultura e promocionan o noso idioma, feitos polos cales a Deputación de Ourense apoia esta iniciativa que se desenvolverá en pequenos concellos da provincia de Ourense”.

O programa de dinamización lingüística “Redecinema” forma parte da planificación de actividades para o ano 2012, aprobado polo Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística. A Deputación de Ourense, entidade fundadora da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, apoia e co-financia, canda a Secretaría Xeral de Política Lingüística, esta programación, dentro do seu ámbito territorial.

O programa Redecinema levará, da man da Deputación de Ourense, proxeccións do filme de produción galega Vilamor, entre os meses de agosto e setembro. Vilamor foi rodada en Galicia e en galego, e estreouse precisamente en Ourense o Día das Letras Galegas, 17 de maio de 2012. A pesar da súa curta andaina, xa colleitou o recoñecemento de dentro e de fóra de Galicia (Cannes, Nova York, Yakarta…). As proxeccións, que serán de balde e que estarán destinadas a todos os públicos, terán lugar ao aire libre durante os seráns do verán.

A través de Redecinema, a Deputación de Ourense e a Rede de Dinamización Lingüística apoian e promoven a nosa lingua e, ao tempo, a industria cultural, nomeadamente a audiovisual, galega e en galego.

Deste xeito, os obxectivos específicos do programa “entroncan cos recollidos no Plan xeral de normalización da lingua galega, que aspira a promover a creatividade con base en galego e mais a aumentar a oferta de produtos de cultura e de ocio na nosa lingua”, explicou na presentación Valentín García. “En especial –engadiu-, para promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer, para visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos, potenciar artistas e dinamizadores galegos, e mais para favorecer a incorporación do galego á programación das actividades para o verán realizadas nos concellos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar