“Ourense Verde”: a Deputación promove a riqueza paisaxística

A Deputación de Ourense presentou hoxe o portal web OURENSE VERDE (www.ourenseverde.es), un espazo en Internet que ten como obxectivo achegar aos cidadáns o coñecemento do patrimonio natural da provincia de Ourense. A iniciativa, enmarcada no Plan OURENSE 92 da Deputación de Ourense, baséase en sistemas de información xeográfica, e contén datos sobre o patrimonio natural da provincia de Ourense e os seus valores máis salientables: parques naturais, reservas da biosfera, monumentos naturais e zonas de interese local, permitindo tamén a busca destas localizacións por municipios.

Asemade, o portal incorpora o acceso a unha base documental e bibliográfica relacionada con estes espazos e os seus valores naturais, e complementa a información da páxina web Turismo Ourense cuxo código QR foi presentado días pasados.

 

Segundo explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación, “esta iniciativa pretende poñer en valor a nosa riqueza cultural, patrimonial e paisaxística, pois Ourense é unha provincia 100% natural e ese é o gran potencial turístico que temos que vender”. “Ourense é sinónimo de natureza –engadiu Baltar-, esa é, sen dúbida, a mellor imaxe de marca para unha provincia como a nosa, e a elo hai que sumar as singularidades do seu patrimonio monumental e cultural e a riqueza termal cunha tradición de séculos”.

 

Baltar destacou que o medio ambiente “é unha área fundamental para a institución provincial; cremos nel, e temos que seguir sendo un referente neste eido, como xa o ten sido a Deputación no ámbito nacional en moitos dos proxectos que temos desenvolvido, tanto na xestión residuos como de auga e dos espazos naturais”.

 

O xefe do Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense, Javier Bobe, explicou que para a elaboración deste portal web contouse coa participación do Ceida (Centro de Extensión Universitaria e divulgación Ambiental de Galicia), cuxo director, Carlos Vales estivo tamén presente hoxe na presentación para apoiar esta iniciativa. Bobe destacou que o Ceida e a Deputación de Ourense teñen colaborado noutras iniciativas como foi o Congreso de Educación Ambiental dos Centros de Ensino de Ourense, celebrado no ano 2011, “e agora con este proxecto estamos a ofrecer información sobre 27 entornos naturais xeorreferenciados da provincia de Ourense, ademais de descricións de espazos naturais e roteiros”.

 

OURENSE VERDE” ofrece datos de 3 parques naturais da provincia, 2 reservas das biosfera, 10 lugares de importancia comunitaria, 4 zonas de especial protección para as aves, 3 monumentos naturais, 2 espazos naturais de interese local e outras localizacións que fan de Ourense unha das provincias das que conta cunha maior riqueza paisaxística mellor conservada.

 

Este portal web ven a complementarse coa iniciativa presentada hai uns días polo presidente da Deputación de Ourense e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez: o código QR (quick response code), da web www.turismoourense.com, que permite a busca rápida de información turística da provincia de Ourense a través do móbil. Trátase dun código en formato dixital para dispositivos móbiles que contén a URL (dirección de Internet) da web de turismo de Ourense, que se captura a través do móbil, que automaticamente carga esa páxina e permite visualizala e navegar polos seus contidos, como se faría dende un ordenador.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar