As retencións nas peaxes, «falta de respecto aos galegos» segun o conselleiro Hernández

 

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, acusou á concesionaria da AP-9 de faltar «ao respecto» dos galegos ao non poñer solución aos atascos que se forman, «verán tras verán» nas peaxes pola afluencia ás praias.

Preguntado por este asunto, Hernández explicou que a Xunta, que non ten competencias sobre esta autoestrada, remitiu un escrito ao secretario de Estado, que respondeu o venres pasado que falaría con Audasa para atopar unha solución.

«Temos que manifestar noso desagrado e a nosa opinión crítica sobre a xestión que fai Audasa nas situacións complicadas», dixo Hernández, que considerou «inaceptable que un cidadán que paga por un servizo, que non é precisamente barato, teña que ver que existen retencións importantes».

«Volvemos instar a Audasa para que faga todos os esforzos que poida para eliminar esa situación», sinalou e insistiu na proposta do Goberno galego de que se introduza na modificación da concesión na que traballa o Ministerio de Fomento unha cláusula que estableza un número máximo de vehículos en espera nas peaxes. Se se supera, explicou, deberán levantarse as barreiras ata que se recupere a situación de normalidade.

«É posible e cremos que é xusto. É lamentable que ano tras ano observamos esta situación», incidiu o conselleiro, que considerou que «o único que demostra é unha falta de respecto de Audasa cara ao territorio que lle permite facer un negocio».

Hernández fixo estas declaracións na visita ás obras na ponte de Pedrido, que comezaron o pasado xuño e estarán finalizadas para o ano próximo, dixo. A inversión é de 2,3 millóns de euros e pretenden reparar a infraestrutura e evitar tamén os riscos polos desprendementos. A «durabilidade» desta intervención é de 20 anos.

Ademais, o conselleiro reuniuse coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, coa que asinou un convenio para construír unha depuradora en Gandarío, para atender uns 3.000 habitantes, o 80% da poboación do municipio. A inversión será de 4,2 millóns e ao longo do verán licitarase a obra, sinalou Hernández.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar