Comeza a anual Mostra de Teatro de Ribadavia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou a XXVIII edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que arrincou coa estrea absoluta en España da obra «A puerta cerrada», un texto de Jean Paul Sartre coproducido por membros das compañías Timbre 4 (Arxentina) e Théâtre du Soleil (Francia).

O evento despregará vinte e cinco espectáculos, dos que máis dun 80% son estreas, polas rúas e espazos da localidade ourensá ata o vindeiro 28 de xullo. Nesta edición destaca o reforzamento da representación internacional, con espectáculos de Portugal, Francia, Cuba, Italia, Bélxica, Arxentina, e México; ademais da produción galega e do resto do territorio español.

A MIT de Ribadavia contempla propostas para todos os públicos, e nos máis diversos espazos do municipio, desde o escenario principal no auditorio do Castelo á arte de rúa, e o programa previsto para a Casa da Cultura e a Igrexa da Madalena. Un dos principais obxectivos da mostra é, non en balde, achegar o teatro de máxima calidade a persoas que non son habituais espectadores desta arte escénica, dinamizando ao mesmo tempo a actividade cultural na comarca do Ribeiro.

A representación inaugural, dun dos textos máis celebrados de Jean Paul Sartre, completarase cunha proxección documental e unha conversa para todos os interesados no traballo de Théâtre du Soleil e Timbre 4.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar