Detenido en Ourense por agresión sexual

 

A Policía Nacional de Ourense detivo un veciño da cidade como presunto autor dun delito de detención ilegal e agresión sexual que cometeu na madrugada do pasado domingo, segundo informou nun comunicado.

A detención produciuse na tarde deste venres e na mañá do sábado os axentes rexistraron a vivenda do detido, un home de 32 anos de idade, veciño de Ourense e sen detencións anteriores que pasará a disposición xudicial nos próximos días.

A Policía continúa as investigacións para esclarecer os feitos, que sucederon na madrugada do pasado domingo. O detido abordou, segundo o relato dos axentes, unha moza nunha rúa da cidade de Ourense e obrigouna a entrar no seu vehículo.

Posteriormente trasladouna a unha casa situada nun lugar descoñecido pola vítima, onde a agrediu sexualmente. Despois introduciuna no maleteiro do coche e abandonouna nunha localidade próxima a Vigo, dende onde a muller se trasladou á Comisaría Provincial de Vigo para denunciar os feitos.

O Servizo de Atención á Familia da Comisaría de Vigo fíxose cargo nun primeiro momento da investigación, aínda que posteriormente foi asumida polo Servizo de Atención á Familia e pola Unidade de Delincuencia especializada e Violenta da Comisaría Provincial de Ourense.

Os axentes lograron finalmente identificar o presunto agresor e localizaron a casa á que foi trasladada a muller, que está situada en Portugal e é propiedade do detido, que foi arrestado na tarde do venres no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

O seu vehículo, que foi o que supostamente empregou para cometer o delito, foi intervido polos axentes e está sendo analizado pola Brigada de Policía Científica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar