www.061.sergas.es ábrese as consultas non urxentes

 

A fundación pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 impulsa o servizo de consulta en liña a través da súa nova páxina web, para que a cidadanía poida trasladar en tempo real cuestións sobre temas de saúde non urxentes aos profesionais sanitarios do 061. Así o anunciou en rolda de prensa o director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial Bernárdez, acompañado polo director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, que tamén aproveitaron para presentar a recente estreada páxina web www.061.sergas.es

Félix Rubial destacou que a consulta médica telefónica, a través do número de teléfono 061 e o 902 077 333, é un dos servizos principais da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia- 061. Os datos rexistrados sobre a actividade do 061, desde os seus inicios, amosan que máis do 50% das demandas de asistencia sanitaria non requiren activación e mobilización de recursos resolvéndose mediante consulta médica e información sanitaria.

Atendendo a esta tendencia, grazas ao avance das novas tecnoloxías e aproveitando as vantaxes que a rede ofrece, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 aposta por un servizo de consulta en liña a través da súa páxina web e do teléfono de servizos multicanle de Sergas, utilizado tamén para acceder a unha cita médica de atención primaria ou para comunicar que non se pode acudir a unha cita no hospital. Esta idea ofrece un servizo tanto aos cidadáns como a profesionais sanitarios que desexen contar coa opinión dun compañeiro.
061 na rede

Esta fiestra ao exterior, desenvolvida grazas á colaboración da Consellería de Sanidade e seguindo as liñas mestras da organización, está dirixida á poboación galega, institucións colaboradoras, profesionais sanitarios, empresas así como aos medios de comunicación. O obxectivo é que atopen rapidamente a información axeitada para eles constituíndose como un lugar de encontro entre o 061 e os diferentes grupos de interese, e atendendo ás necesidades de cada un. Para acceder dunha forma directa creáronse as pestanas de Cidadanía, Profesionais, Empresas, Feitos Vitais e Actualidade.

É por isto que os contidos abranguen dende información institucional sobre a fundación pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os diferentes servizos que ofrece a poboación galega, así como a explicación do funcionamento do servizo de emerxencias galego e o dispositivo que se pon en marcha cando un usuario chama a Central de Coordinación.

Nesta web contemplouse un apartado onde están dispoñibles en formato dixital as memorias de actividade dos últimos anos e publicacións gratuítas da Fundación. Ademais, navegando a través das diferentes pestanas, os internautas tamén poden acceder a información sobre os programas de investigación que se atopan en funcionamento dende a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e atopar a oferta de actividade do Centro de Formación en Medicina de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes de Galicia que se desenvolve conxuntamente coa Fundación Escola galega de administración sanitaria (Fegas).

Destacar as seccións, Feitos vitais e Temas, que permiten atopar de forma rápida respostas a cuestións concretas, tales como consellos prácticos ante determinados estados de saúde, información sobre programas especiais para pacientes con patoloxías crónicas, así como a posibilidade de inscribirse neles. O enlace de atención ao usuario pon a disposición da cidadanía un impreso de reclamacións e suxestións.

 

SIMULACIÓN
Para rematar, Iglesias Vázquez explicou, mediante un caso ficticio, como realizar unha consulta médica aos profesionais sanitarios del 061 entrando na páxina web do 061 (http://061.sergas.es/). Accedendo a través da pestana de Cidadanía na sección de Consulta Médica, unha vez alí, se escribe a consulta que se desexe facer no espazo en branco, indicando o nome, apelidos, teléfono, DNI e correo electrónico nos recadros correspondentes, para que a consulta poida ser contestada polos sanitarios da Central de Coordinación do 061.
Subliñou, que se trata de integrar este novo servizo de consulta en liña dentro da actividade habitual dos médicos e enfermeiros da Central de Coordinación que habitualmente resolven as consultas médicas a través dos números 061 e pois ata o momento, o 061 contaba na súa páxina web cun apartado de consulta pero con respostas diferidas no tempo.

A consulta en liña só require unha conexión a Internet, e o usuario ponse en contacto cun profesional sanitario co que pode consultar en tempo real dende dúbidas sobre a evolución dunha enfermidade, unha opinión sobre a orientación dun caso, asesoría sobre problemas de saúde non urxentes, información xeral sobre temas sanitarios (tratamentos, resultado de probas, funcionamento xeral do sistema,…) ata información sobre os servizos e actividades que proporciona a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar