A SGAE galega aumentou ingresos e socios no 2011

   A xestión da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) en Galicia pechou o pasado exercicio cunha suba do 3,74 por cento nos seus ingresos, mentres que o número de afiliados á entidade chegou ata os 3.121 socios, un incremento do 3,68 por cento con respecto aos 3.010 do ano anterior.

Segundo explicou a entidade, a cifra administrada pola SGAE en Galicia situouse en 2011 en 19,14 millóns de euros. Ademais, o pasado ano os sectores do ocio da cultura «acusaron de xeito máis sensible a crise económica»

En concreto, e a nivel xeral, o descenso de ingresos por venda de discos e películas presentou en 2011 en Galicia «cifras moi negativas», o que se suma á «incidencia da crise na hostalaría» e «a resaca do precedente Xacobeo 2010», con baixada no ámbito da música en vivo.

A xestión de eventos escénicos –música moderna e sinfónica; teatro e danza — en Galicia supuxo 1,29 millóns de euros, caendo un 15,94 por cento con respecto á tempada anterior.

A nivel estatal, o balance da SGAE en 2011 ofrece un resultado negativo de 4,6 millóns de euros como consecuencia do saneamento de todo o relativo á Sociedade Dixital de Autores e Editores (sDae). Ademais, a institución viuse obrigada á reformulación das contas de 2010, que finalmente botaron unhas perdas de 13,5 millóns de euros.

POR SECTORES

No sector das artes escénicas, en Galicia durante 2011 dominaron os musicais e comedias e, en particular, os espectáculos que máis dereitos de autor xeraron foron o musical ‘Hoy no me puedo levantar’, o espectáculo ‘Garrick’, de Tricicle; a obra ‘Los hombres no mienten’; a peza ‘Golfus Hispanicus’ e ‘Los 40: El Musical’.

No ámbito de música en vivo moderna, os espectáculos que xeraron máis beneficios foron o ‘Fresh Weekend’ do Aquapark de Cerceda; o ‘Cantajuegos’; o Sonar 2011; o Vigo Transforma e o Rock In Way. Pola súa banda, no sector sinfónico dominaron os espectáculos da Orquestra Sinfónica de Galicia e a actuación de Inma Shara coa Orquestra Sinfónica Nacional Checa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar