O conselleiro Xesús Vázquez detalla o plan para rendibilizar a Cidade da Cultura

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou hoxe no Parlamento que o Plan Estratéxico da Cidade da Cultura para o período 2012-2018 “será a folla de ruta que, coas premisas de eficiencia e sustentabilidade, rendibilizará os catro edificios xa construídos e dinamizará o tecido produtivo das nosas industrias culturais”.

Respecto a este punto, Xesús Vázquez Abad fixo especial fincapé en que na xestión da Cidade da Cultura “haberá unha minoración notable dos gastos de mantemento, coa vocación de diminuír progresivamente os seus orzamentos ata nun 50%, en consonancia coa situación económica que vivimos e en consonancia tamén co espírito de eficiencia que nos permitirá facer máis con menos”.

Nese sentido, lembrou que fronte aos 42,3 millóns de presuposto do Centro de Arte Contemporáneo Raíña Sofía, aos 24,3 do Guggenheim e aos 16 da casa da Música de Porto, a achega total da Xunta á Cidade da Cultura, incluídas accións culturais, será de 4,5 millóns de euros, cifra á que se agregarán os ingresos por patrocinios, ventas ou alugueres. O titular de Cultura e Educación afirmou que “o camiño a seguir en anos vindeiros será o de que cada vez nos custe menos e nos reporte máis”.

O conselleiro recordou que dende o nacemento do proxecto da Cidade da Cultura en 1999 ata a actualidade, ano 2012, no mesmo teñen participado tres gobernos e tres formacións políticas, polo que, nas súas palabras, “a marxe de lexítimas diferenzas de matiz e de modo de execución, o que está claro é que o complexo arquitectónico do Gaiás é un proxecto cultural do conxunto de Galicia e é responsabilidade de todos nós trasladar esta mensaxe unificada aos galegos”.

O Plan Estratéxico da Cidade da Cultura 2012-2018, aprobado no Consello da Xunta o pasado xoves, marca a folla de ruta desta infraestrutura e establece o proxecto cultural para os vindeiros anos, sempre baixo a perspectiva de facer máis rendibles os catro edificios xa rematados e para que o complexo arquitectónico sexa unha plataforma de creación e proxección exterior da cultura galega. Segundo Vázquez Abad, o Gaiás é “unha oportunidade para a sociedade galega, pero tamén para a cultura de base e para as nosas industrias culturais e creativas, que son, sen dúbida, un dos principais sectores produtivos galegos en termos de emprego e renda”.

Rendibilizar o investimento

Segundo explicou o titular de Cultura e Educación, “é o momento de comezar a facer rendible o investimento nesta infraestrutura arquitectónica cunha liña clara de explotación e activación do complexo, nun contexto de máxima austeridade e eficiencia”. Tras insistir en que se trata dunha “aposta galega pola creatividade, a cultura e a innovación como motores de cambio de modelo produtivo de Galicia”, Xesús Vázquez dixo que unha vez tomada a decisión de paralizar temporalmente a construción de novos edificios, o Plan Estratéxico “traza as liñas para reorientar os usos destes inmobles”.

Así, indicou que a Biblioteca e o Arquivo de Galicia (agora unificados) e o Museo Centro Gaiás desempeñarán a importante misión de traballar a prol da difusión da cultura galega entre a sociedade. Reorganizados no mesmo edificio, a Biblioteca manterá o seu carácter de cabeceira do Sistema Galego de Bibliotecas; mentres que o Arquivo funcionará como unha institución capital para a protección e posta en valor do patrimonio documental galego.

O Museo Centro Gaiás está chamado a converterse no centro expositivo de referencia en Galicia. Por iso mesmo, o pasado 15 de xuño comezou a súa actividade coa exposición Gallaecia Pétrea, que é unha das mostras máis ambiciosas postas en marcha na nosa Comunidade. A medio prazo deseñarase unha nova exposición relacionada co Camiño de Santiago e que servirá de punto unión coa riqueza cultural que atesoura a ruta xacobea e de recurso turístico e cultural para todos os peregrinos que se acheguen a Galicia.

Respecto a configuración dos edificios, o conselleiro informou que, os inmobles que ata o de agora se denominaban como Arquivo e edificio de Servizos Centrais, estarán a disposición do tecido socioeconómico. Por un lado, o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia, que terá a súa localización no antigo edificio do Arquivo, será un centro especializado na incubación de empresas culturais e creativas galegas. Profesionais de diferentes ámbitos culturais poderán acceder a un espazo multidisciplinar pensado para integrar o movemento coworking nas novas dinámicas de cooperación e colaboración. Asemade, a través dun viveiro de empresas tamén haberá espazo para ser ocupado por empresas ou emprendedores que desenvolvan proxectos do eido cultural e creativo con garantías de retorno ao conxunto da sociedade galega.

O outro edificio que estará ao servizo do tecido socioeconómico é o Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, que estará no edificio de Servizos Centrais. O novo centro ten como principais axentes participantes a propia Fundación da Cidade da Cultura, a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Centro Integral de Proceso de Datos. Neste inmoble desenvolverase o proxecto da Fundación Cidade da Cultura, denominado Centro de Innovación Cultural de Galicia – CINC, que terá como funcións a formación especializada e de calidade para os creadores e profesionais das industrias culturais e creativas; a promoción das TIC e do seu aproveitamento no ámbito cultural; e a interacción entre as industrias culturais e creativas e outros sectores do noso tecido produtivo.


Obxectivos estratéxicos

O Plan Estratéxico do Gaiás define catro obxectivos estratéxicos que están relacionados coa idea de que o complexo arquitectónico debe ser o lugar de encontro dos axentes públicos e privados que asuman o reto de acadar para a nosa comunidade un novo modelo de desenvolvemento baseado na cultura, a creatividade, a innovación e a conectividade exterior.

O primeiro deste obxectivos pasa por ofertar unha actividade e programación de calidade, tratando de que a cidadanía se involucre e participe no proxecto. Deste xeito, tratarase de converter o Gaiás nun actor clave na difusión cultural. Ademais, tamén se traballará para achegar a Cidade da Cultura dun xeito físico á cidadanía, servindo como espazo de desenvolvemento de actividades non estritamente culturais, con especial énfase no lecer, o contacto coa natureza e o deporte.

En segundo lugar, traballarase para que a Cidade da Cultura se constitúa como o espazo natural de desenvolvemento, proxección e fomento da innovación do sistema cultural galego. O Gaiás dinamizará o sistema cultural galego promovendo a difusión e conservación da nosa cultura, e a formación dunha comunidade artística vibrante, atendendo tanto a autores de referencia como a novos talentos ou a cultura de base.

Dentro da estratexia definida, a Cidade da Cultura contribuirá a fomentar a interrelación e os proxectos en conxunto entre axentes de distintos ámbitos das industrias culturais e creativas, facendo especial fincapé na cooperación interrexional e a colaboración pública e privada. Para reforzar o papel da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) como guía e asesor da iniciativa creativa, adoptouse a decisión de que a súa sede pase a ser a Cidade da Cultura.

Nesta liña, poñerase en marcha a acción ‘Coprodución no Gaiás’, coa que se trata de activar diferentes programas para a coprodución de proxectos, dirixidos a axentes culturais independentes con proxectos innovadores para a súa incorporación á acción cultural do complexo. Outra acción concreta pasa por crear unha ‘Rede Cultural’, a través do impulso de novos acordos con entidades sociais, fundacións, institucións públicas e centros educativos para garantir unha máis ampla difusión da nosa arte, da nosa lingua, da nosa historia e do noso patrimonio.

O terceiro obxectivo estratéxico é o de converter a este complexo arquitectónico nun polo de desenvolvemento que contribúa á dinamización do tecido produtivo, a incremento de niveis de renda e emprego e a mellora da competitividade. Promoverase a activade económica ligada á Cidade da Cultura en todo o noroeste peninsular, estendendo as redes cara o mundo latinoamericano e lusófono. Ademais, potenciarase o Gaiás como plataforma de desenvolvemento e promoción da marca país Galicia.

Asemade, como xa anunciou o pasado venres o conselleiro, a maior feira profesional da industrial musical, Womex (World Music Expo), ten unha enorme posibilidade de celebrarse na Cidade da Cultura no vindeiro 2014, avalando o recoñecemento internacional que o complexo e o proxecto do Gaiás xa ten no exterior.

E o cuarto e último obxectivo estratéxico recollido no Plan é o de converter o Gaiás nun proxecto economicamente sostible e socialmente rendible. Para iso, precísase conseguir a sustentabilidade da actividade e funcionamento, maximizando as posibilidades de obtención de ingresos. Pero, ademais, débese alcanzar unha rendibilidade social do proxecto, de xeito que todo o gasto que se produza neste sexa percibido pola sociedade como un investimento, pola magnitude e impacto dos beneficios sociais que se produzan.

Finalmente, anunciou que ao proxecto da Cidade da Cultura incorporaranse novos socios estratéxicos, tanto públicos como privados, e diversificaranse as fontes de financiamento abrindo o proxecto á participación empresarial a través de patrocinios de espazos, tanto físicos como temáticos. Dentro deste obxectivo estratéxico, o Plan fixa que a Cidade da Cultura debe ser recoñecida como un proxecto de interese europeo en base ao seu proxecto cultural e de desenvolvemento socioeconómico, e nesta liña trataranse de incorporar fontes de financiamento, tanto estatais como europeas.

O documento presentado hoxe, baixo a perspectiva de Plan Director, incorpora ademais Plans de Acción Estratéxicos (acción cultural, marketing e comunicación, participación empresarial e explotación) e un Plan de Sustentabilidade Económico-Financeira.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar