Atención a perigosidade das fogueiras do San Xoan

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, organismo dependente da consellería de Sanidade, que dirixe Rocío Mosquera Álvarez, recomenda un ano máis ter precaución ante o alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración mañá da Noite de San Xoán.

Cada ano nesta celebración, os accidentes de tráfico, as queimaduras e as intoxicacións etílicas constitúen a causa principal das chamadas de demanda de asistencia sanitaria á Central de Coordinación do 061. As tradicionais fogueiras desta festa supoñen ademais un compoñente de perigosidade tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. É por isto que con motivo desta festividade e como vén sendo habitual, os medios humanos da Central de Coordinación do 061 se reforzan para dar resposta á demanda sanitaria.

 

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 considera imprescindible transmitir unha serie de consellos de prevención á cidadanía na celebración da noite de San Xoán. En primeiro lugar é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables, e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume ten que evitar que os nenos se acheguen as fogueiras, ao tempo que extrema as precaucións se se achegan ao lume.

O 061 de Galicia lembra que se fai vento, debe situarse de costas á dirección deste, evitando que as chamas e o fume se dirixan cara vostede, para non sufrir as lesións causadas polo lume e por inhalación de fumes, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria. Lembre que o alcohol e as drogas en moitas ocasións están detrás deste incidentes.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas, utilizando preferiblemente o algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que a apaguen. Tírese ao chan e revólquese ou quede quedo mentres as apagan.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, e útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil si se consumiu alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

San Xoán 2011
Os profesionais sanitarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon na festividade de San Xoán do ano pasado, desde as 19.00 horas do día 23 de xuño ata as 7.00 horas do día 24 de xuño de 2011, 53 intoxicacións etílicas e por drogas, 15 accidentes de tráfico e 10 incidentes con queimaduras.

A Coruña con 31 intoxicacións etílicas é a provincia que rexistrou o maior número de atencións, seguida de Pontevedra con 19, Lugo con dúas e Ourense con unha. As idades rexistradas nestes casos alcanza o pico de frecuencia entre os 15 e os 34 anos, que supoñen o 55 por cento das persoas atendidas por esta patoloxía. Para asistir ás 53 intoxicacións, o 061 de Galicia mobilizou en 39 ocasións as ambulancias asistenciais, en dúas ocasións mobilizáronse ambulancias concertadas, e nunha ocasión o médico de atención primaria. Das 53 persoas atendidas 24 non requiriron traslado, oito foron trasladados ao centro de saúde e 21 ao hospital.

As persoas con queimaduras atendidas polo 061 en toda a comunidade galega foron 10. Urxencias Sanitarias asistiu na Coruña oito casos e dous en Pontevedra. As idades das persoas afectadas sitúanse entre 10 e 50 anos, cun pico a destacar entre os 20 e os 30 anos, co 70 por cento dos casos rexistrados. Do total dos pacientes, sete requiriron traslado, cinco deles a un centro hospitalario e dous ao centro de saúde.

No caso dos accidentes de tráfico, se asistiron 20 persoas. O 061 contabilizou 15 accidentes de tráfico con 20 persoas implicadas. As idades das persoas atendidas polo 061 abranguen dende os 15 anos ata os 69 anos, destacando un pico do 70 por cento entre os 15 e os 39 anos. Para asistir as 20 persoas implicadas o 061 mobilizou nunha ocasión a ambulancia medicalizada, 17 ambulancias asistenciais, unha ambulancia concertada e en dúas ocasións acudiu o médico de atención primaria. Do total de persoas atendidas, 18 foron trasladas a un hospital e dúas se asistiron no lugar sen requirir traslado a un centro sanitario.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar