A Festa do Pan de Cea agarda reunir este domingo máis de 15.000 persoas

A Festa do Pan de Cea, a cita gastronómica máis importante no eido do pan, agarda reunir este ano a máis de 15.000 visitantes na súa XXI edición. A Deputación de Ourense colabora con este destacado evento gastronómico, creado para ensalzar un dos produtos máis tradicionais e coñecidos de Galicia: o Pan de Cea, que hoxe foi o protagonista na presentación que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Cea, José Luis Valladares; o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, Carlos Manuel Rodríguez, e o secretario da IXP Pan de Cea, Ricardo Losada.

Manuel Baltar, quen durante a súa etapa de delegado de Agricultura en Ourense, puxera precisamente en marcha en 1999 a IXP Pan de Cea, xuntamente co daquela responsable provincial de Saúde Pública, Miguel Ángel Rodríguez “Chisco”, dixo hoxe que a Festa do Pan de Cea “é coñecida en moitos países do mundo, pero iso é froito do sacrificio e do bo facer do colectivo de panadeiros que día a día fan posible ese manxar”.

Baltar e Valladares coincidiron e animar á xente a que se achegue os días 30 de xuño e 1 de xullo ao campo da Saleta, en Cea, para disfrutar dunhas xornadas lúdicas e gastronómicas ao carón do produto estrela que producen os 17 fornos adscritos á Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea.

O afamado pan poderase degustarse tanto á mañá do día 1 de xullo, despois do pregón, como a partir das oito da tarde, na que haberá unha degustación gratuíta de Pan de Cea e uns cen quilos de chourizos ao viño.

Un tradicional pasarrúas a cargo de charangas dará ás 10:00 horas do domingo 1 de xullo pistoletazo de saída á XXI Festa do Pan de Cea. Tras a recepción das autoridades no campo da Saleta, ás 13:00 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo do actor e humorista José Manuel Puente “Isi”. Ao rematar o pregón terá lugar a tradicional degustación dos produtos galegos de calidade das 23 denominacións de orixe e indicacións protexidas galegas, que ofrecerán os seus produtos de calidade aos visitantes nos expositores habilitados. Ademais de Mexillón de Galicia, que participa por primeira vez, tamén estarán presentes os viños das cinco denominacións de orixe galegas (Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei); os augardentes de bagazo e herbas, así como os licores café e de herbas amparados pola Denominación Xeográfica Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; os queixos de Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa; así como os produtos amparados polas Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega, Lacón Gallego, Pataca de Galicia, Faba de Lourenzá e Agricultura Ecolóxica de Galicia. O pementos de Herbón e do Couto, os Grelos de Galicia, a Tarta de Santiago e a Castaña de Galicia completan a carta de produtos de calidade que se poderán degustar no campo da Saleta de Cea.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar