A Xunta incrementa ata 2.400 persoas os efectivos humanos contra o lume

O Consello Forestal de Galicia, presidido pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, analizou hoxe o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2012) que será sometido esta mesma semana ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva, tal e como establece a normativa vixente. O Consello Forestal de Galicia é un órgano consultivo e asesor da Administración Forestal no que están representados, ademais da Xunta, produtores, industria forestal, Fegamp e diferentes organizacións agrarias e conservacionistas.

No Pladiga 2012 plásmase a determinación, o esforzo e o compromiso da Xunta na loita contra os incendios. Este documento apróbase todos os anos antes da tempada de maior risco de lumes (entre o 1 de xullo e o 30 de setembro).

O Plan de 2012 presenta unha continuidade, nas súas liñas xerais, con respecto ás últimas campañas anti-incendios, sendo tanto os medios humanos coma os materiais moi semellantes aos empregados en anos anteriores. Entre as principais novidades destaca a creación de 936 novas prazas de persoal fixo-discontinuo que se veñen a engadir ás 1.500 prazas destas características xa existentes na actualidade.

Estes novos postos de traballo engaden un forte carácter estrutural e de profesionalización ao dispositivo que pasa a ter máis de 2.400 persoas empregadas con carácter fixo nos labores de extinción. Este cadro de persoal verase incrementado ata ampliar o dispositivo humano garantindo o mesmo número de xornadas efectivas nos labores de loita contra incendios e preservando totalmente o servizo e a presenza de medios materiais e humanos nos montes galegos en base á aplicación do actual réxime laboral.

Para este ano destaca, ademais, o compromiso do Executivo galego na relevancia outorgada aos labores de prevención aos que se destinan 3,4 millóns de euros máis ca o ano pasado e co proxecto de instalación de cámaras térmicas para a vixilancia e detección de lumes.

Obxectivo xeral e complementarios
O Pladiga establece un obxectivo xeral e outros de carácter complementario e máis específicos. Mantense o fin xenérico de reducir ao mínimo posible os danos ecolóxicos, económicos e sociais producidos polos lumes forestais na nosa Comunidade Autónoma, dentro dos recursos dispoñibles.

Tamén permanecen os obxectivos complementarios establecidos o pasado ano, no sentido de non superar a media de 3 hectáreas de superficie afectada por lume e, en canto ao tamaño dos incendios, manter o número dos maiores de 25 hectáreas por baixo do 2% do total e a porcentaxe daqueles menores de 1 hectárea por riba do 70% do total. Todo isto mantendo tamén o obxectivo de reducir o número de lumes e a superficie queimada total con respecto da media dos últimos dez exercicios.

Para o logro de todos estes obxectivos planifícanse unhas serie de accións concretas. Algunhas das novidades deste ano refírense por exemplo á posibilidade de establecer convenios de colaboración para a defensa contra os lumes forestais con entidades como a Federación galega de caza.

Tamén a realización de cursos on line para a mellora da formación e cualificación do persoal ou o desenvolvemento dun plan de divulgación en centros de ensino de primaria e secundaria, entre outras medidas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar