O INEGA, polo aproveitamento enerxetico na construción

O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, apuntou esta mañá na presentación do proxecto e-Habilita, iniciativa que avoga pola introdución da eficiencia enerxética na rehabilitación para aportar valor engadido, a posibilidade de conxugar aforro e eficiencia enerxética con edificación como modo de diversificar e reactivar este sector económico.

Neste sentido, Diéguez subliñou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), investiu, durante o último exercicio, 5,5 millóns de euros en distintas actuacións que apostan pola eficiencia enerxética no sector da edificación.

Estas accións na industria da edificación desenvólvense a través de dous grandes campos. Dun lado, as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, que abranguen, en primeiro lugar, apoios para a mellora das envolventes térmicas dos edificios co obxectivo de reducir a súa demanda en calefacción ou refrixeración. A través destas liñas de axuda pódese tamén mellorar a eficiencia enerxética das instalacións de calefacción, refrixeración e produción de auga quente sanitaria; ou construír novos edificios con alta cualificación enerxética.

O outro campo de actuacións é o delimitado polos plans renove relacionados co sector, entre os que se inclúen o de fiestras, o de luminarias e o de equipos de climatización, tres programas que facilitan aos cidadáns a mellora enerxética a través da substitución de fiestras ou equipos por outros más eficientes.

Todas estas actividades, apuntou Diéguez, supoñen “unha aposta decidida” do Goberno galego polo sector da edificación, tratando de que “o aforro e máis a eficiencia enerxética aporten novas solucións e posibilidades que permitan a esta industria reiventarse”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar