O PP cree que o rescate financeiro será clave para Novagalicia Banco

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, valorou o “rescate financeiro” como unha “magnífica noticia” para a viabilidade de Novagalicia Banco.

“Despois das boas noticias coñecidas esta fin de semana, a axuda que vai vir de Europa creo que é algo que contribúe a dar máis esperanzas á viabilidade de Novagalicia Banco”, afirmou este luns o tamén secretario xeral do PPdeG.

En todo caso, Rueda insistiu en que “son os actuais xestores de Novagalicia Banco os que teñen a obriga de saber aproveitar esta nova oportunidade”.

Ademais, o conselleiro apuntou que “o rescate financeiro vai supoñer unha situación moito menos dolosa para a poboación que se se tomase a decisión dunha intervención, que afortunadamente non tivo lugar”.

Polo tanto, “a valoración ten que ser positiva”, resaltou Rueda, que volveu pedir ao Estado “igualdade de oportunidades co resto das entidades financeiras á hora de acceder ás axudas e a estas cantidades que sabemos que van vir”.

“SITUACIÓNS DECISIVAS”

Así mesmo, Alfonso Rueda sinalou que nos seguintes meses se coñecerán “situacións decisivas e en función do diagnóstico que se faga se decidirán tamén qué axudas e aos que se van destinar”.

“Todos teñen claro que nestes momentos coñecer que van vir esas axudas aos bancos nos permite pensar que é unha magnífica noticia para consolidalos definitivamente e que ao final dentro do pacto que se estableceu Novagalicia Banco poida seguir sendo unha realidade”,  aseverou.

Tamén reiterou o titular de Presidencia que “esa axuda, dirixida directamente á banca, dende logo tamén ten que beneficiar á entidade financeira galega”.

“A día de hoxe xa son moi poucas as comunidades autónomas que teñen a oportunidade de seguir mantendo unha entidade financeira enraizada e conectada directamente coas iniciativas e coa situación da comunidade autónoma, nós seguímola tendo con Novagalicia Banco e eu creo que é unha boa noticia”, sostivo.

VISITA

O conselleiro da Presidencia fixo estas declaracións en Pontevedra durante a visita que xirou ás instalacións do Espazo Emprendedor posto en marcha por AJE Pontevedra na cidade do Lérez.

Para Alfonso Rueda se o goberno de Mariano Rajoy non tomase as medidas que se adoptaron durante estes meses “probablemente o que sucedese sería unha intervención directamente de España como país”. “Iso é algo que non desexabamos ninguén”, apostilou.

Neste sentido, Alfonso Rueda sinalou que aínda que estas reformas “non eran agradables nin doadas de tomar, si eran necesarias para evitar ese risco de ser intervidos”.

Para o dirixente popular a proba de que a decisión adoptada esta fin de semana polo eurogrupo “é mellor que a que tiveron outros países no pasado como Grecia ou Portugal” está nas reaccións do Goberno portugués, “que está a pedir que se reconsideren as medidas que se tomaron con eles hai un ano e medio” porque “son agora menos gravosas para España como país e máis vantaxosas”. “Estas axudas son á banca, é a beneficiaria, e polo tanto está obrigada a devolvelas”, apostilou o conselleiro.

Rueda espera que a partir de agora “o crédito se abra e que estas axudas, ademais de sanear as entidades financeiras que o necesiten, fagan fluír o crédito a todos os emprendedores”. Finalmente reiterou que as medidas desta fin de semana poñen de manifesto “todo o tempo que se perdeu nos anos anteriores”, e lamentou a “herdanza recibida”. “Se se fixesen os deberes no seu momento agora non estariamos nesta situación”, sentenciou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar