Un novo «tax lease» porá fín a discriminación dos astaleiros galegos

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe en rolda de prensa que a proposta do novo sistema de tax lease notificada polo Goberno de España á Unión Europea permitirá aos estaleiros galegos competir en igualdade de condicións que o resto de Europa. Destacou o compromiso adquirido polo novo Goberno central, que asumiu a búsqueda dunha solución como unha prioridade na súa axenda ante a intransixencia da Comisión Europea.

O conselleiro explicou que despois de varios meses e do envío de cinco borradores a Bruxelas sen obter unha resposta positiva, o executivo central, coa supervisión de Pymar e a participación da Xunta de Galicia, presentou una nova proposta formal que non necesita dunha autorización da Unión Europea e está baseada en elementos xa autorizados noutros sistemas fiscais e noutros sectores.

Igual que o sistema anterior que se aplicaba en España, a proposta considera varios aspectos fundamentais: a amortización anticipada, a amortización acelerada e as vantaxes derivadas da aplicación do réxime de tonelaxe ás plusvalías. O conselleiro explicou que a UE na súa demanda dicía que os estaleiros españois competían en mellores condicións que o resto porque aplicaban un sistema de amortización anticipada e acelerada como medida selectiva no sector naval.

“A nova proposta – sinalou Guerra- contempla que esta fórmula de amortización sexa plantexada como unha medida xeral, aplicable a todos os activos con procesos produtivos superiores a un ano e que non conleven unha produción en serie”, para o que é necesario un cambio na normativa do Imposto de Sociedades, que supón “un importante esforzo do Goberno de España, especialmente relevante, e que mostra o seu firme compromiso por solventar o problema”. Estas medida levarase a cabo mediante a aprobación dun Real Decreto Ley.

PLUSVALÍAS

Por outra banda, Bruxelas criticaba do sistema español as plusvalías que se xeran coa venda do buque ao armador e as vantaxes do réxime de tonelaxe, alegando que non se podían obter beneficios de dúas fontes ao mesmo tempo. Dentro da proposta notificada a Bruxelas, contémplase que non se xere plusvalía pola venda do buque cun novo sistema de arrendamento financeiro que permite ao armador a compra de participacións da sociedade que é propietaria do buque. Desta forma quedan descartadas ás plusvalías.

Unha vez amortizado o buque (o seu período de amortización acelerado é de 3 anos e un cuatrimestre) o armador poderá entrar no réxime fiscal de tonelaxe autorizado pola Unión Europea.

A alternativa foi comunicada onte a Bruxelas, que ten dous meses para plantexar calquera consideración ao respecto. “Hoxe é un día moi importante para o sector naval –salientou Javier Guerra- xa que o novo sistema suporá que os estaleiros galegos poidan comezar de novo a contratar barcos e, a clave está, en que o farán nas mesmas condicións que o resto de Europa”.

FEIJÓO

Previamente, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, no Parlamento de Galicia, que o Goberno central notificou á Unión Europea unha proposta de amortización anticipada para o sector naval despois de negociala con Galicia e co propio sector. “Temos unha proposta notificada polo Goberno de España do réxime de amortización anticipada para o sector naval, que posibilita volver a contratar de forma inmediata barcos no sector privado en Galicia. Unha proposta que está desde onte notificada en Bruxelas, que se pode utilizar de forma inmediata e que ten o visto e prace de todos os armadores e de PYMAR, da Xunta e espero que do lehendakari, Patxi López, que está informado da proposta a través da Vicepresidenta do Goberno igual ca min”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar