As claves do posicionamento web nas aulas do CeMIT

As aulas CeMIT de vinte e catro localidades galegas acollerán a partir do vindeiro luns unha actividade sobre posicionamento web, de 15 horas, na que se analizarán as ferramentas e técnicas máis empregadas para mellorar a posición dunha web. Esta actividade, na que participan duascentas trinta e seis persoas, forma parte do Programa de Dinamización 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT).

Para o desenvolvemento desta actividade empregarase o sistema de videocolaboración nalgunhas das aulas CeMIT (posibilitando a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas) e o de videoconferencia noutras aulas que dispoñen dunha equipación máis avanzada (composta por un sistema de videoconferencia e por equipos audiovisuais e multimedia) o que permitirá desenvolver as actividades en formato presencial e telepresencial.

Nesta nova edición, o Programa de Dinamización conta ademais con outras cinco actividades de 15 horas (sobre televisión en internet, deseño gráfico, retoque fotográfico, community manager e streaming de audio e vídeo) e outras dúas máis amplas, de máis de 40 horas, sobre produción audiovisual e creación multimedia. Os interesados poden informarse das datas de comezo de cada unha delas e reservar praza na aula CeMIT da súa localidade a través do 981 552 568 ou a da web http://aulascemit.xunta.es/inscripcion. O Programa de Formación da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

Rede CeMIT

A Rede CeMIT, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A localización das aulas e os contidos do Plan de Dinamización están dispoñibles non enlace http://aulascemit.xunta.es/inscripcion.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar