A Xunta rexeita expresamente a actuación do Goberno arxentino

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, considerou este martes que a actitude do Goberno de Arxentina «non é de recibo» dende ningún punto de vista» e trasladou a súa «preocupación» polos efectos que a mesma poida ter sobre outras empresas no país, en concreto galegas, se ben destacou que estas últimas «teñen outro tamaño» e que a relación comercial entre Galicia e o país sudamericano «non é moi grande».

En resposta a preguntas dos xornalistas tras presentar un plan de fomento das exportacións, Guerra criticou que a decisión de Arxentina de expropiar o 51% de YPF, a filial de Repsol, vai contra «unha das normas fundamentais do comercio internacional», que é a seguridade xurídica. «Non parece razoable, non parece que iso poida ser aceptado e estou seguro de que España fará todo o posible para poñer os seus intereses no seu sitio e defender a Repsol», afirmou.

Sobre os efectos sobre os empresarios galegos con intereses en Arxentina, o conselleiro admitiu que a manobra «crea certa preocupación». Aínda que indicou que non recibiron comentarios de ningún galego a este respecto, considerou que están «preocupados» porque «eles buscan a máxima seguridade posible e esta noticia non está a axudar a esa seguridade».

En calquera caso, destacou que as empresas de galegos en Arxentina «probablemente teñan outro tamaño», pero insistiu en que esta «non é unha boa liña de actuación». Non obstante, defendeu que «a situación arxentina non se pode extrapolar a ningún outro país» de Latinoamérica.

Neste sentido, destacou o «potencial» de México para os investimentos galegos e indicou que na anterior viaxe realizada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo — que agora acompaña a Mariano Rajoy– mantivéronse reunións con varios empresarios e algúns proxectos «están agora a concretarse» en ámbitos como o naval ou a enerxía.

Guerra citou entre os países que ofrecen «grandísimas oportunidades neste momento» tamén a Brasil, Panamá ou Colombia. Ademais, destacou que se trata dunha zona na que se están a construír infraestruturas e animou as empresas galegas a acudir á plataforma de contratacións internacionais.

RESPALDO AO GOBERNO

Tamén o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, referiuse á expropiación, que considerou que «non é en absoluto unha noticia positiva». Instou a «analizar ben a situación e ver as razóns e en que consiste exactamente a decisión do Goberno arxentino» para despois «tomar as medidas de reacción e de defensa dos intereses» españois.

«Estou seguro de que iso se vai facer dende a obxectividade, sen precipitacións pero con toda firmeza», agregou e avalou a postura trasladada polo Executivo estatal e os ministros que se pronunciaron sobre o tema. «É a posición axeitada e España ten que defender os seus intereses e os das súas empresas», dixo.

Respecto a posibles efectos sobre os galegos asentados en Arxentina, Rueda asegurou que a Xunta seguirá mantendo a relación que mantivo ata agora, posto que «son cousas diferentes».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar