O primeiro tenente de alcalde, Ángel Currás, relevará a Conde Roa

 

O concelleiro de Educación e Cultura e primeiro tenente de alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, será o relevo na Alcaldía compostelana de Gerardo Conde Roa, quen este luns presentou a súa dimisión a raíz da súa imputación formal por un suposto delito de fraude fiscal, polo non pagamento a Facenda de 291.000 euros do IVE da venda de 61 vivendas a través da súa promotora inmobiliaria.

 

Angel Currás, á esquerda, será o novo alcalde de Santiago

Na rolda de prensa na que Conde Roa ratificou a súa dimisión, tamén confirmou que Ángel Currás, quen concorreu no número tres da lista das pasadas municipais, será o candidato á Alcaldía, unha opción que asegurou que corresponde a «unha decisión libre e voluntaria» do conxunto dos concelleiros ‘populares’ en Santiago e da cal se quixo desvincular persoalmente.

«Nin eu nin o presidente estivemos nesa decisión», dixo Conde Roa en referencia á reunión que o pasado domingo mantiveron ambos os dous na sede do PP galego para abordar o seu futuro político e na cal explicou que, tanto el como Alberto Núñez Feijóo, se retiraron «para que os concelleiros tomasen a decisión libre e voluntariamente» sobre quen sería o novo alcalde de Santiago de Compostela.

«Dende o momento no que tomo a decisión (sobre a súa dimisión) prefiro non interferir. Se me retiro retírome», aseverou Gerardo Conde Roa, quen ocupou a Alcaldía compostelana dende apenas o 1 de xullo de 2011, despois de que nas municipais do pasado mes de maio obtivese maioría absoluta

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar