Turgalicia promociona a oferta turística de Galicia cos operadores chineses

Xunta promocionou a oferta turística de Galicia durante o mes de marzo nos mercados ruso, chinés e británico

Turismo de Galicia, a través de Turgalicia, participou en Madrid nunhas xornadas inversas con  15 empresarios de Cantón, Pekín e Shangai e en Sevilla nunhas xornadas dirixidas a operadores británicos e franceses especializados en incentivos e convencións.

Por primeira vez, Turgalicia asistiu á feira MITT de Moscú, na que máis de 1.000 persoas solicitaron información sobre a oferta turística galega

Santiago, 1 de abril de 2012.- A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, promocionou neste mes de marzo a oferta turística de Galicia entre os principais operadores chineses,  nunhas xornadas inversas organizadas pola Oficina de España en Pekín e que se desenvolveron a semana pasada en Madrid. En total 15 operadores de Cantón, Pekín e Shangai participaron neste encontro de traballo no que puideron coñecer as posibilidades turísticas de Galicia. A delegación de empresarios turísticos chineses especializados na organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo reunironse ademais con representantes de Turismo de distintas comunidades autónomas españolas.

Doutra parte, Sevilla acolleu tamén un evento Meet and Talk dirixido a operadores franceses e británicos no que participaron tamén quince profesionais especializados en turismo de incentivos e convencións e na que tamén estiveron presentes técnicos de Turismo de Galicia para intercambiar información sobre o destino e as posibilidades de comercialización do mesmo.

Galicia presentouse nesta xuntanza como un destino atractivo para a organización de reunións profesionais e convencións de empresa para o mercado de China, con distintas posibilidades e unha oferta variada en canto a instalacións e contornas.

O Turismo de negocios en Galicia xera anualmente máis de 43 millóns de euros, e, segundo estudos de Turgalicia, na Comunidade galega celébranse arredor de 1.000 eventos anuais, dos que o 60 por cento son congresos, o 30 por cento convencións e o 10 por cento restante, viaxes de incentivo.

En Galicia existen tres pazos de congresos, nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e o resto das sete grandes cidades galegas, tamén contan con infraestruturas para albergar xuntanzas profesionais.

MERCADO RUSO

Numerosos operadores turísticos relacionados co mercado ruso mostraron interese na organización de viaxes a Galicia e máis de 1.000 persoas solicitaron información sobre a oferta turística galega ao longo dos días de celebración da feira Moscow International Travel & Tourism que se desenvolveu  na capital de Rusia entre os días 21 e 24 de marzo, e á que asistiu por primeira vez Turgalicia.

Neste mercado turístico, a maiorista Viaxes Marfil, que organiza viaxes desde Rusia a España contactou cos representantes de Turismo de Galicia coa intención de planificar viaxes turísticas cara a Galicia para cidadáns rusos.

Ademais dos contactos con operadores locais, o stand de Turgalicia serviu de centro de relación entre os operadores turísticos galegos  e os rusos.

Nesta feira, Turgalicia promocionou a oferta turística global da Comunidade galega e puxo a disposición dos operadores rusos productos turísticos xa elaborados por empresas galegas para este mercado.

Turgalicia tamén estableceu contacto con axentes de viaxes para a organización de viaxes de familiarización á Comunidade galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar