A economía galega terá este ano un mellor comportamento que a nacional

A Consellería de Facenda mantén que a economía galega medrou un 0,5% en 2011 e acumulou dous anos en positivo logo de ter avanzado un 0,1% en 2010, segundo os datos facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ademais, o Goberno galego estima que este ano a economía galega terá un mellor comportamento que a española, polo que o PIB autonómico de 2012 estará en torno a dúas décimas por riba da media estatal.

Así, a diferenza que sinala hoxe o Instituto Nacional de Estadística (INE), que atribúe a Galicia un PIB do 0,3% en 2011 en lugar do 0,5% que sinala o IGE, débese a un cambio de metodoloxía que impide que se poidan realizar comparacións homoxéneas.

O feito de que o INE cambiase hai uns meses a súa base contable para todas as operacións de contabilidade provoca que neste momento o Instituto estatal estea empregando unha diferente á que utiliza o IGE, que provoca modificacións na desagregación das ramas de actividade. Este simple cambio da estrutura produtiva motiva que poida haber cifras non coincidentes entre ambos organismos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar