Unanimidade nas medidas para a supervivencia do Centro Galego de Buenos Aires

Os tres grupos con representación na Cámara galega pactaron este mércores un texto conxunto polo que piden á Xunta que deseñe “mecanismos de colaboración” co Centro Galego de Bos Aires, co fin de “garantir a supervivencia” desta entidade e a “preservación” da cultura e a historia de Galicia.

Ademais, en virtude do texto acordado a instancias da deputada do PSdeG Marisol Soneira, demándase o Executivo autonómico que siga “mantendo liñas de diálogo baseadas” no mutuo respecto e no diálogo permanente” que “permitan a resolución dos graves problemas” que está a sufrir esta institución.

O obxectivo é o seu mantemento como “un faro da cultura galega” e como “o centro sanitario de referencia” dos galegos que residen no país austral. Sobre este último punto populares socialistas e nacionalistas solicitan agora á Xunta que “busque solucións” para que os galegos asociados “teñan garantida a asistencia sanitaria”.

Finalmente, pídese ao Goberno de Galicia que “colabore” tamén co conxunto dos centros creados pola emigración galega, co fin de “conservar e poñer en valor” o patrimonio cultural creado polos galegos no exterior e de “asegurar a continuidade do seu labor asistencial nos ámbitos sanitario e social”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar