Galicia, única comunidade onde medra a produción editorial no idioma propio

A produción editorial creceu o pasado ano un 3,2 por cento en Galicia e situouse nos 2.866 títulos, o que mantén a Comunidade como a quinta en produción editorial a nivel estatal, despois de Cataluña, Madrid, Andalucía e Valencia.

Segundo a Estatística de Produción Editorial publicada este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en Galicia publicáronse en 2011 un total de 2.866 títulos dos 74.244 que se editaron en España. Así mesmo, en galego editáronse o 1,9 por cento do total de títulos no Estado, o que supón un crecemento do 0,1 por cento con respecto ao ano anterior.

O número de exemplares impresos en España descendeu un 24,4 por cento en 2011 e situouse no nivel máis baixo dos últimos 10 anos, con 99,8 millóns, mentres que o número de títulos editados diminuíu un 2,6 por cento a nivel nacional.

Como xa é habitual nos últimos anos, a tiraxe media continuou reducíndose ata situarse en 1.345 exemplares por título, un 22,4 por cento menos que en 2010.

Os maiores descensos na tiraxe media observáronse en Literatura (-34,1 por cento) e en Artes Plásticas, gráficas e fotografía (-28,2 por cento). En 2011 reimprimíronse 13.445 publicacións.

PRODUCIÓN EDITORIAL POR IDIOMA

O castelán representou o 78,9 por cento do total de títulos (un 2,4 por cento menos que en 2010) e o 78,1 por cento dos exemplares editados no ano 2011. En catalán, valenciano e balear editáronse o 10,5 por cento dos títulos, un 1,2 por cento menos que en 2010. En galego editáronse o 1,9 por cento do total de títulos (un 0,1 por cento máis) e en euskera o 1,1 por cento (un 8,7 por cento menos).

En todos os idiomas nacionais as maiores porcentaxes de títulos se destinaron á Literatura. Nas publicacións para nenos presentáronse as maiores diferenzas: 4,1 por cento das publicacións en castelán, 13,2 por cento en catalán, valenciano e balear; 13,1 por cento en galego e 25,2 por cento en euskera.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar