Ao secundar a folga, pese a non ser traballadores, os deputados do PSOE e o BNG non cobrarán o día

 

O Parlamento de Galicia reingresará na tesouraería as retribucións dos 37 deputados da oposición correspondentes a unha xornada despois de que así o solicitara á Presidencia da Cámara tras anunciar que secundarían a folga do próximo xoves,. Desta forma, como as retribucións non se poden descontar do salario dos deputados salvo que estes o pidan explicitamente, os grupos rexistraron senllos escritos para que se lles detraiga das nóminas o correspondente á xornada de folga xeral.

Bancadas da oposición no Parlamento de Galicia

A ausencia dos deputados non impedirá que se celebre ningunha das dúas comisións previstas para o xoves, posto que o quórum necesario é a maioría do órgano a constituír, co que abonda a presenza dos deputados populares en cada unha delas.

Con todo, das sete preguntas previstas na Comisión de Industria, só a poderán sustanciar dous, que está previsto que sexan formuladas polo grupo maioritario ao Goberno, salvo que haxa algún aprazamento solicitado por Xunta ou por algún deputado.

En canto á Comisión de control da Compañía da Radio Televisión de Galicia só está incluída unha pregunta ao director xeral do ente público do Grupo Popular.

 

INFORME XURÍDICO

 

Aínda que os parlamentarios farán folga, un informe xurídico do Parlamento de Galicia recórdalles que os deputados “non son traballadores” no sentido do artigo da Constitución (o 28.2) no que se recoñece o dereito á folga dos traballadores para a defensa dos seus intereses.

Neste documento, ao que tivo acceso Europa Press, tamén se recorda aos parlamentarios que “entre os seus dereitos e deberes” está o de asistir ás sesións plenarias e das comisións das que formen parte, e que a asignación económica non constitúe unha retribución económica, senón unha percepción que les “permita cumprir eficaz e dignamente a súa función”.

“Conforme a esta relación constitucional existente entre o deputado e a cámara parlamentaria, non é posible falar dunha relación laboral e, en consecuencia, da aplicación ‘ex lege’ da dedución proporcional de haberes que se lles aplica ao persoal laboral e funcionarial”, sinala o texto do informe xurídico, no que si inclúe a posibilidade de que o deputado indique o seu desexo de non percibir a parte das retribucións que considere oportunas.

No pleno do Parlamento galego, e a dous días de que sexa a folga xeral, deputados do BNG luciron un adhesivo no que se chama a secundar o paro previsto para este xoves.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar