Plan de eficiencia enerxética nas Illas Atlánticas

 

As consellerías de Economía e Industria e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas teñen posto en marcha un plan de mellora enerxética para o Parque Nacional das Illas Atlánticas baseado no aproveitamento de enerxías renovables como a biomasa ou a fotovoltaica e máis na posta en marcha de medidas de aforro e eficiencia, coa mobilidade eléctrica.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e máis o titular de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, coincidiron en sinalar que o obxectivo desta estratexia conxunta é “reforzar a protección e preservar” a riqueza natural do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, único en Galicia e o un dos dous que existen en España, destas características.

Na presentación das primeiras medidas deste plan de mellora, o conselleiro Javier Guerra sinalou que as iniciativas postas en marcha nesta primeira fase acadarán un aforro de 16.000 euros anuais na factura enerxética do Parque é diminuirán as emisións de CO2 á atmosfera a lo menos en 47.500 Kg.

O titular de Economía e Industria explicou que as características específicas das illas fan necesaria unha reestruturación das súas instalacións enerxéticas para reducir as emisións de CO2 e mellorar a subministración enerxética. Con estes obxectivos, as dúas consellerías teñen posto en marcha este plan integral deseñado como unha estratexia de mellora enerxética progresiva, que contempla medidas a curto, medio e longo prazo.

Nesta primeira fase, o Instituto Enerxético de Galicia realizou un estudo para definir as principais actuacións e implantar melloras ambientais e de subministración enerxética a curto prazo. Guerra apuntou que, para comezar co desenvolvemento do plan, a Xunta centrouse en achegar solucións que fagan posible a xeración illada de electricidade, baseada en fontes renovales, tendo en conta que illas como as Cies abastécense basicamente con gasóleo, transportado en barco até a illa.

Esta estratexia de aforro e eficiencia, permitiu á Xunta facer posible a instalación dunha caldeira de biomasa que fornece enerxía ao centro de interpretación e ás dúas vivendas do persoal do parque nas Illas Cíes, a construción dunha caseta informativa sobre o uso destas enerxías no parque; na que tamén se instalará un punto de recarga para vehículos eléctricos. Coa fin de fomentar a mobilidade eléctrica na illa, poranse tamén ao dispor do persoal do parque bicicletas eléctricas e para completar as actuacións desta primeira fase, instalaranse sistemas fotovoltaicos en todas as illas do parque.

Edificio Cambón

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou esta mañá que o seu departamento abrirá o Centro de Interpretación do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o Edificio Cambón, no Casco vello de Vigo no verán de 2012. Concretou que quedan os últimos traballos, como o remate da dotación de contidos, polo que despois desta fase, os visitantes poderán coñecer esta nova sede para a difusión e conservación dos recursos naturais de Galicia.

Segundo as previsións que manexa a Dirección Xeral de Conservación da Natureza o número de visitantes que pasarán polas novas instalacións é de 150.000 persoas ao ano. Destacou que a visita será gratuíta e poderán visitar seis días á semana.

Hernández tamén sinalou que neste edificio se instalarán as oficinas do Parque, co fin de mellorar a xestión, xa que se permitirá concentrar tanto o museo como as oficinas nun só edificio. Outro dos efectos positivos deste centro será a revitalización do Casco Vello de Vigo.

O importe da obra de recuperación deste edificio, que supón destinar 1.500 metros cadrados á difusión da educación ambiental e de valores sobre o coñecemento do patrimonio natural, fíxase en 4,14 millóns de euros.

Entre o equipamento desta nova sede do Parque de Illas Atlánticas destaca a instalación de catro teletransportadores, un por arquipélago, que son cabinas nas que sobe o usuario e experimenta efectos visuais e interactivos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar