O presidente mantén o mesmo calendario da lexislatura

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que mantén o calendario previsto para as eleccións autonómicas en Galicia porque “nada cambiou” nas “prioridades do Goberno galego” tras os resultados das eleccións en Andalucía e Asturias.
Núñez Feijóo sinalou que o calendario “é o mesmo” que o formulado antes da celebración das eleccións do pasado domingo. “Imos seguir traballando conforme ao programa que xa tiñamos antes das eleccións andaluzas e asturianas”, indicou en relación á presente lexislatura en Galicia, que conclúe en marzo de 2013.
Ao respecto, apuntou que o seu “obxectivo” nas próximas eleccións galegas non só será “revalidar o goberno” á fronte da Xunta, senón “ampliar a maioría do Partido Popular” no Parlamento galego”. Neste sentido, afirmou que para iso é “necesario moito traballo” e “dar explicacións” do traballo que realizan, ademais de “moita humildade” na actividade política, pero tamén “moito compromiso e audacia” para que Galicia “siga sendo a comunidade máis solvente de España.
Tras visitar o Centro de Saúde de Vilamarín, xunto á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o presidente galego afirmou que “nada cambia” dende o punto de vista “dos intereses” de Galicia, independentemente “de que se producisen eleccións en dúas comunidades autónomas esta fin de semana”.
Así, insistiu en que o resultado das eleccións en Andalucía “non ten nada que ver con Galicia” nin “cos problemas dos galegos”, polo que “nada cambiou con respecto ás prioridades do Goberno galego”. “Claro que mantemos as prioridades, as necesidades e as ansias de seguir gobernando, por suposto”, proclamou.
AVALIACIÓN DOS RESULTADOS
Sobre os resultados electorais en Andalucía e Asturias, Núñez Feijóo expuxo que en Asturias “gaña o PSOE”, mentres que en Andalucía “gaña o PP”, aínda que “é moi probable que nin o PSOE goberne en Asturias nin o PP en Andalucía”.
Neste sentido, afirmou que os resultados poñen de manifesto que as maiorías absolutas son “moi difíciles de conseguir”. Núñez Feijóo subliñou que “hai un resultado histórico do PP” e “unha perda histórica do PSOE” en Andalucía e mostrou o seu “apoio e respecto” aos “compañeiros” nesa comunidade autónoma por lograr esas ratios.
Tamén quixo lanzar unha “mensaxe” aos “compañeiros” de Asturias coa súa aposta pola “reunificación do centro en Asturias” para lograr “un goberno estable” porque “os asturianos queren un goberno de Partido Popular e Foro”. “Eu espero e desexo que ambos os dous lle dean unha estabilidade de goberno que Asturias necesita para saír das crises económica, institucional e política que leva nos últimos meses”, aseverou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar