A Fundación Amancio Ortega financia a creación de 9 centros da rede de escolas infantís

Un convenio de colaboración asinado hoxe entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Amancio Ortega permitirá en Galicia a posta en marcha ata 2015 de 750 novas prazas públicas de escolas infantís.

Así o destacou hoxe en Arteixo, a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, quen rubricou con Flora Pérez Marcote, vicepresidenta da Fundación, este convenio. En concreto, poranse en marcha 9 centros de 0-3 anos, de 82 prazas cada un deles. As escolas estarán emprazadas nas localidades de A Coruña, Arteixo, Cambre, Ferrol, Melide, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.

Por unha banda, a Fundación Amancio Ortega financiará a construción e dotación de mobiliario das novas instalacións e, pola súa parte, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar comprométese a realizar todos os trámites relativos á execución da construción e ao equipamento, e a integrar os centros na súa rede Galiña Azul.

“Polo tanto, as 750 futuras prazas serán titularidade pública e as novas escolas serán xestionadas pola Xunta”, indicou Mato, ao tempo que destacou que a Consellería vén traballando ao longo da lexislatura no obxectivo de que as familias galegas estean máis preto da conciliación da vida familiar e laboral. “A través da sinatura deste convenio contamos neste camiño coa colaboración da Fundación Amancio Ortega”, subliñou.

A execución do contido do convenio realizarase en varias fases, de xeito que o comezo da execución das distintas escolas se abordará escalonadamente. “A máis tardar, todas estarán en marcha en 2015”, apostilou a conselleira.

Na finalidade de pechar a lexislatura coa posta en marcha de 4.500 novas prazas públicas, Mato indicou que esta mesma semana abrirán as escolas do Pino e Coristanco. “Acadaremos, entón, a cifra de 2.422 novas prazas postas en funcionamento desde abril de 2009 en Galicia”, apuntou a conselleira.

Neste senso, afirmou que a oferta de 0-3 anos incrementarase nun 44 por cento, e, ademais, avanzou que entre os meses de setembro e decembro deste ano poranse en marcha outras 11 novas escolas infantís, que suporán outras 400 novas prazas. “Deste xeito, a rede autonómica pasará das algo máis de 5.400 prazas que tiña en abril de 2009 a máis de 8.400 cando remate 2012”, asegurou Mato.

Oferta na Coruña
Por último, a titular de Benestar explicou que na provincia da Coruña as prazas en escolas infantís aumentarán en máis de 1.100 cando se poñan en marcha as instalacións do Pino e Coristanco. Desta forma, a provincia coruñesa pasará a ter máis de 2.900 prazas fronte ás 1.800 que había en abril de 2009. Isto supón un incremento do 61,2 por cento. “A estas prazas sumaranse a finais de ano outras 224 máis”, recalcou.

Para concluír, Mato agradeceu “a súa xenerosidade” á Fundación e asegurou que as novas escolas que se constrúan no marco deste convenio achegarán ás familias de nove localidades galegas á conciliación da vida persoal e familiar e, ao mesmo tempo, proporcionarán aos futuros usuarios un entorno de calidade nos seus primeiros anos de vida.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar