O BNG chama a secundar a folga «contundentemente»

   O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, chamou a secundar «contundentemente» a folga xeral contra a reforma laboral do «goberno ultra» do Partido Popular. «Unha reforma que non é negociable, a única negociación posible é a da súa retirada», sentenciou.

   En declaracións aos medios en Vigo, Vázquez asegurou que esta nova lexislación laboral «non vai crear emprego, senón que o que pretende é xerar peor emprego».

   «Fronte a decisións ultras, de gobernos ultras como o do PP, só caben respostas contundentes», deixou claro o voceiro nacionalista. «Nós cremos que si hai motivos para responder contundentemente a través da mobilización, e por iso o BNG vai apoiar a folga, tamén onde temos representación institucional,» remarcou.

   Así, reiterou que a reforma supón «abaratar» o despedimento, e dará lugar a unha baixada de soldos e consumo, «co conseguinte impacto negativo no crecemento da economía».

   Todo nun día no que o BNG celebrou no barrio de O Calvario de Vigo unha charla informativa sobre as consecuencias da reforma electoral, nun acto no que participaron o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar