Fomentando o emprendemento xuvenil

Preto de 150 mozos e mozas participarán hoxe en Santiago no “Campus emprende”, un foro aberto sobre o emprendemento xuvenil como modelo de futuro e que potencia “o poder das ideas”. A iniciativa está organizada pola Consellería de Traballo e Benestar. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou esta xornada, que se celebra na Facultade de ciencias da comunicación.

Ao longo do día, os participantes poderán participar de forma activa nas propias ponencias, que están deseñadas para ser o máis interactivas posibles, así como noutras actividades relacionadas co obxectivo deste foro.


Ovidio Rodeiro, director xeral da Xuventude

Os poñentes abordarán diversos temas de interese de cara ao emprendemento xuvenil. En concreto, Manuel Gago –doutor en ciencias da información e director de www.culturagalega.org – abordará a “nova sociedade 2.0” e as novas tecnoloxías como oportunidade para a xuventude emprendedora. Posteriormente, Sergio Arias e Adrián Comesaña –propietarios do restaurante “O Curro da Parra”- explicarán como empezar un negocio desde cero, así como os seus inicios no estranxeiro.

O deseñador Francis Montesinos contará aos participantes o seu camiño como emprendedor no mundo da moda, e a necesidade de reinventarse durante a súa andaina profesional. Ademais, o pianista, compositor e emprendedor musical Federico Mosquera falará da súa experiencia no exterior para completar a súa formación, así como do valor intelectual e artístico de Galicia e as posibilidades de emprendemento no mundo das artes.

Xa pola tarde, as intervencións comezarán co regatista olímpico Antón Paz que relatará a súa carreira ata o ouro olímpico. Continuará a rolda de intervencións Daniel Sansó-Rubert, criminólogo e diplomado en altos estudos da defensa nacional polo Estado Maior de Defensa, que explicará os retos de futuro e as oportunidades de emprego nas forzas e corpos de seguridade.

Tamén participará no foro o xornalista dixital Jordi Pérez Colomé, autor de Obamaworld –un blog de política internacional que recibiu o premio José Manuel Porquet de xornalismo dixital-, que centrará a súa intervención nas súas experiencias e na importancia de perseguir os obxectivos propios.

O peche da xornada correrá a cargo de José Antonio Garrido “Gary”, un monologuista desde hai 20 anos que ten demostrado unha gran forza de superación fronte a súa discapacidade. Gary realizará un relato irónico e mordaz sobre os avatares da crise económica actual.

Ademais, tamén haberá distintas aulas específicas sobre o valor da motivación; sobre emanciparse e emprender en Europa; un debate de emprendedores ou un obradoiro de proxectos do programa de Iniciativa Xove.

Programa Conecta
O “Campus emprende” forma parte do programa “Conecta” da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, unha iniciativa que desenvolverá un total de 9 encontros territoriais centrados nos eixos do Plan estratéxico de Xuventude 2013, que estarán enfocados fundamentalmente ao emprendemento xuvenil. Haberá tamén un último encontro internacional estruturado nas nove temáticas que contempla o plan.

O programa “Conecta” persegue ser un elemento de vinculación entre grupos e asociacións xuvenís, entre a mocidade e o propio movemento asociativo, e entre os mozos e mozas e as oportunidades de emprego e emprendemento. Ademais, tamén posibilita a relación entre a xuventude e as ferramentas das que dispón e potencia un tecido asociativo xuvenil forte e dinamizado. En definitiva, pretende ser unha ferramenta de conexión entre o colectivo xuvenil e as variables que lles poden afectar ou ser do seu interese.

O obxectivo é potenciar actitudes creativas e emprendedoras, promovendo a máxima participación dos mozos e mozas. As finalidades prioritarias de todos estes encontros son: dinamizar e impulsar a participación xuvenil; fomentar o asociacionismo xuvenil; crear puntos de encontro a nivel territorial onde a mocidade poida compartir as súas experiencias; mellorar as canles de comunicación entres as entidades xuvenís e as institucións públicas; promover o espírito emprendedor; dar voz á mocidade para mellorar as políticas destinadas a eles; garantir a igualdade de oportunidades; e achegar aos estudantes á demanda de traballadores das empresas e aos novos nichos de mercado.

Ademais deste encontro en Santiago, celebraranse os restantes en Vila de Cruces, Ferrol, Ourense, Burela, Ribeira, Melide, Ponteceso, e Marín.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar