O agrícola será o sector económico de maior crecemento este ano, cun 0,7 %

 

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asegurou que o sector agrícola será que “maior crecemento experimente en 2012” en Galicia cun aumento de 0,7 por cento, baseándose nos datos dun informe de Hispalink no que participaron 16 universidades, entre as que se atopan a USC e a UDC.

Na apertura do foro ‘Competitividade e desenvolvemento do medio rural galego’, organizado por El Correo Gallego, Quintana deixou claro que está “convencida” de que “neste sector hai futuro”, xa que será “un foco de oportunidades”.

 

Ao respecto, sinalou que este crecemento previsto para 2012 se corresponde coa “resistencia” do sector fronte á “notable perda de emprego” que se deu noutros ámbitos económicos.

Así, defendeu as políticas realizadas pola Xunta para o mantemento do sector rural e a creación de emprego, co fin da diversificación da actividade e a mellora da vida, xunto a un aumento da competitividade das explotacións agrogandeiras.

Neste sentido, valorou o traballo do Goberno galego para mellorar as infraestruturas rurais, a posta en marcha do programa Banda Longa de Galicia para levar Internet ao campo galego, así como o traballo de Agader como entidade xestora do territorio ou a Lei de mobilidade de terras. 

SECTOR FORESTAL

Durante a súa intervención, a conselleira quixo facer fincapé na “especial importancia” do sector forestal polo seu valor “ambiental, social e económico”, xa que en Galicia dous de cada tres hectáreas correspóndese con este tipo de explotación.

En concreto, apuntou que o sector forestal factura máis de 1.800 millóns anuais e dá emprego directa ou indirectamente ao 6,6 por cento da poboación activa galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar