Pachi Vázquez optará á candidatura á Xunta nunhas primarias

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, na Entrevista, da TVG

   O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, anunciou este xoves que optará a ser o candidato do seu partido á Presidencia da Xunta nunhas primarias que prometeu convocar a partir do mes de xullo, unha vez se celebren todos os congresos provinciais e locais da formación en Galicia.

“Eu son secretario xeral, e o secretario xeral sempre é candidato, pero hai unhas primarias que eu me comprometín a facer e se farán en tempo e forma”, remarcou, nunha entrevista concedida á TVG recollido por Europa Press, para deixar claro que concorrerá ás eleccións aquel que “logre a maioría dos apoios” nunha votación “transparente e secreta”.

“Esperemos que o presidente nos dea tempo para facelas”, puntualizou o líder socialista, aludindo así á posibilidade de que Feijóo adiante os comicios. “Estes días parece que vai esgotar o mandato, pero é especialista en dicir unha cousa e facer outra”, xulgou, para subliñar que mantén “na cabeza” que poidan celebrarse “en outubro”.

Sobre este eventual adianto, advertiu de que sería a constatación “dun fracaso”, toda vez que o mandatario goberna Galicia “con maioría absoluta”. “Se ten que adiantalas, que o diga e que as adiante, pero que recoñeza que fracasa”, abundou Vázquez, e asegurou que o seu partido estará “completamente preparado” para ser “alternativa” cando decida chamar ás urnas.

En canto ás voces que apuntan que o exministro de Xustiza Francisco Caamaño podería aspirar a ser candidato, o xefe de filas do PSdeG rexeitou “falar” sobre outras persoas. “Eu falo de min e de que si vou a selo”, resolveu, para apostilar que o seu partido ten “magníficas” persoas que poderían optar a ese posto. “Para nós as primarias nunca son un drama”, resolveu.

SITUACIÓN INTERNA DO PARTIDO

Preguntado sobre a situación en que se atopa a súa formación tras o congreso no que saíu reelixido secretario xeral, Vázquez puxo en valor que “moitos compañeiros que estaban na outra candidatura” lle chamaron “ao día seguinte” para poñerse “a disposición para traballar polo partido”.

Entre esas persoas, segundo dixo, está o propio José Blanco, de quen dixo que “o engrandece enormemente” a súa vontade de traballar para que o PSdeG sexa “alternativa” en Galicia. “Sabemos debater e tamén aceptar os resultados”, destacou o de O Carballiño.

Sobre a súa relación co alcalde de Vigo, Abel Caballero, diferenciou a súa faceta de “alcalde”, á que expresou o seu “máximo respecto” e da que valorou a súa “defensa” da cidade “con coraxe” fronte aos “ataques” da Xunta, da de “militante”, coa que admitiu “diferenzas” por tratarse dun home con “personalidade propia”.

En todo caso, minimizou as discrepancias entre ambos os dous tras mostrarse convencido de que a pretensión do rexedor tamén é “traballar polo proxecto do socialismo galego”.

A orixe destas discrepancias foi a aplicación por parte de Vázquez da máxima ‘un militante, un cargo’, que o secretario xeral prometeu “seguir facendo”. “Con cinco millóns de parados, non podemos dicir á xente que alguén pode estar en dous sitios ao mesmo tempo ou acaparando postos”, argumentou, convencido de que “os políticos” deben ser “os primeiros en dar exemplo”.

PAPEL DO SOCIALISMO GALEGO NO PSOE

Finalmente, no que atinxe á relación da formación galega dentro do PSOE, despois de que Vázquez expresase, nos días seguintes ao congreso, a súa vontade de desfacerse de “tutelas ou paternalismos”, aseverou que o PSdeG “sempre tivo esa vocación”.

“Non é doado, porque somos un partido federal, pero eu traballarei a tope porque este sexa un partido galeguista, socialdemócrata e con identidade propia,” resaltou, para diferenzas as comunidades históricas do resto de autonomías.

“O socialismo galego quere ter voz propia, autonomía, formar parte do socialismo español en igualdade e achegarlle os nosos criterios”, remarcou Pachi Vázquez, para avanzar que esa será a súa “formulación” para os próximo anos. “E vouno conseguir”, comprometeu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar