Obxectivo: a igualdade de oportunidades para as persoas con Síndrome de Down

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe por poñer en marcha todas as iniciativas precisas “en favor da igualdade de oportunidades e da promoción da autonomía persoal” das persoas con discapacidade en xeral e, das persoas con síndrome de Down en particular, para os que hoxe se conmemora o seu Día mundial.

 

Así o salientou a titular do departamento autonómico durante a súa participación nos actos enmarcados nesta xornada. Neste sentido, destacou que este día “simboliza o esforzo cotiá por facer máis xusta e integradora a sociedade”. Deste xeito, considerou que os beneficiarios dunha sociedade “máis xusta non son só as persoas con discapacidade e as súas familias, senón todos os galegos e galegas”.

Por iso, apostou por dúas ferramentas que está a poñer en marcha a Consellería de Traballo e Benestar para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade: o Plan integral de acción para as persoas con discapacidade, e a nova carteira de servizos de atención á dependencia.

Con respecto ao Plan de acción, puxo en valor que Galicia dispón “por primeira vez dunha planificación estratéxica para as políticas de atención ás persoas con discapacidade”. Trátase dun plan froito do diálogo coas entidades e profesionais deste ámbito, “e no que foi fundamental a colaboración con Down Galicia”.

Este documento ten un carácter “transversal e coordinado” no que participa o conxunto do Goberno galego.

Por último, a conselleira lembrou que a nova carteira de servizos de atención á dependencia establecerá servizos específicos para cada tipo de discapacidade e garantirá a uniformidade e a efectividade destes servizos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar