Homenaxe a Cunqueiro na Biblioteca Nacional

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou esta tarde, na presentación do último volume da Colección Obra Fundamental da Fundación Banco Santander De Santos y Milagros, de Álvaro Cunqueiro, ao espírito do escritor para afrontar os tempos de crise, porque “todos seguimos necesitando de soños e pensar que un dos nosos, ou nós mesmos, podemos ser os que os convertamos en realidade”.

Deste xeito, Feijóo avogou por ir máis aló e entender este acto como algo máis que a presentación de material inédito dun dos escritores galegos máis ilustres do século XX; “o meu desexo –sentenciou- é que sexa tamén a actualización do espírito de Cunqueiro, ese no que calquera ten potencial para converterse nun deus clásico, un príncipe danés, unha doncela encantada ou unha reina no seu campo de lis. Manter viva a súa memoria e a súa obra é tamén manter acendido un faro que nos oriente nas dificultades”.

Ao longo da súa intervención, o responsable de Executivo galego referiuse ao encontro mantido entre Gabriel García Márquez e Cunqueiro, na cidade de Barcelona, como proba de que don Álvaro non foi ‘simplemente’ un gran escritor. “Gabriel García Márquez pensou que o entusiasmo co que lle falaba da súa terra, a través de descricións deslumbrantes, non pasaba de ser os ‘delirios de un gallego’. Pouco tempo despois, 72 horas en Galicia lle bastaron para darse conta de que todo era tal e como llo contara. Seguro que García Márquez terá escoitado a outros galegos falar da súa terra, sen que lle deixasen unha pegada tan especial, nin un recordo tan vivo como o de Cunqueiro”.

Feijóo salientou que Álvaro Cunqueiro non se conformou con tocar a narrativa, o teatro, a lírica ou o periodismo. “Ademais, con cada unha das súas entregas, busca que Galicia se agrande e que todos os que o lemos notemos unha sobredose de optimismo. Mentres que outros creadores amosan ao lector contradicións colectivas, dificultades dun pobo ou un momento determinado, para que aprendamos delas; Cunqueiro utiliza o seu talento para ensinarnos a parte máis agradable da vida en calquera conxuntura”.

Se outros escritores poñen de manifesto que a todos nos toca xestionar a realidade coas súas luces e as súas sombras, Feijóo recalcou que o ‘realismo máxico’ de Álvaro Cunqueiro suxire a idea de que vexamos un pouco máis alá, e ampliemos os nosos horizontes e expectativas sen límites.

O presidente do Goberno galego concluíu agradecendo, en nome dos galegos, este acto “que é –afirmou- unha maneira máis de conmemorar o centenario do nacemento de Cunqueiro”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar