Feijóo pide colaboración cidadá na seca e comprométese coas explotacións gandeiras

Plantación de árbores non Gaiás, no contorno da Cidade da Cultura

A Xunta está a xestionar  coas entidades financeiras unha fórmula  para asumir  os custes de anticipar máis de 100 millóns de euros ás explotacións gandeiras pola seca  e evitar que teñan que agardar ata final de ano, de maneira que os intereses sexan asumidos pola propia Administración galega.

Así o explicou o presidente Feijóo a propósito da situación climatolóxica nun acto con motivo do Dia Forestal Mundial, no que destacou que a situación de ‘alerta’  esixe a colaboración de todos nun consumo responsable da auga e tamén na loita contra os lumes e reiterou que a Xunta activará un protocolo de actuación para garantir o abastecemento e axudar ao sector agrogandeiro se a situación persiste. “Estamos traballando e conforme ao previsto, se no mes de marzo non hai precipitacións, presentaremos un protocolo de actuación con dous obxectivos: garantir o abastecemento ás poboacións galegas e axudar aos gandeiros e agricultores nesta seca extrema que estamos pasando no último”.

Durante a celebración do Día Forestal Mundial, o titular da Xunta afirmou que a situación meteorolóxica que estamos a vivir desde os últimos meses é un dos mellores exemplos de que para protexer o medio ambiente non basta co compromiso institucional senón que se precisa tamén do compromiso de todos os cidadáns. “Nos momentos de seca dámonos conta de que as administracións non o poden todo, de que os gobernos simplemente son instrumentos. Neste momento, máis ca nunca necesitamos a colaboración dos cidadáns, do pobo galego na racionalización do consumo da auga e, tamén, na implacable denuncia aos incendiarios que están indo contra o noso patrimonio, que están furtando o noso futuro. Os bosques e montes galegos son patrimonio de todos e necesitamos que os cidadáns se comprometan. O Goberno quere traballar e pide axuda para deter aos incendiarios, para deter a aqueles que queren esnaquizar o noso futuro”.

Consciente de que Galicia é unha potencia forestal en España e en Europa, Feijóo referiuse tamén á primeira Lei de Montes de Galicia que se vai debater no Parlamento galego. “Unha lei –dixo- onde intentamos concretar as obrigas dos propietarios xa sexan públicos ou privados; onde intentamos loitar contra o minifundismo de tal xeito que, en Galicia, non se poda volver a dividir parcelas forestais inferiores a 15 hectáreas; e onde intentamos concretar os usos e os aproveitamentos compatibles dentro dos nosos montes”.

“Cremos que esta lei ven a encher un baleiro. Cremos que era imprescindible unha lei cun obxectivo de preservar a riqueza forestal, de ordenar o monte, de non seguir dividindo o que non é divisible desde o punto de vista da riqueza forestal que son os noso bosques”, aseverou.

Logo de lembrar que o monte forma parte da nosa idiosincrasia –dous terzos de Galicia son superficie forestal- e que a industria forestal e da madeira galega ocupa directa e indirectamente a 50.000 persoas, concluíu recalcando que, se ben é verdade que non estamos aínda nunha situación de alarma, pero si de alerta, “non sobra unha gota de auga”. “Cada día que pasa a alerta se intensifica máis. Temos problemas por unha seca do ano 2011 e neste primeiro trimestre do ano 2012. Nos próximos días non parece que vaiamos a ter choivas e, polo tanto, a alerta é máxima e a preocupación do Goberno galego tamén”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar