Sabarís contará co primeiro Centro de Día de servizo mancomunado

 

 

O centro de día de Sabarís será o primeiro de Galicia que prestará un servizo mancomunado nos municipios de Baiona, Nigrán e Gondomar, na provincia de Pontevedra. Así o anunciou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que asinou en Baiona un convenio de colaboración coa Mancomunidade do Valmiñor, na que se integran os tres municipios, para a xestión das instalacións do centro.

Deste modo, o centro de Sabarís será a primeira infraestrutura pública deste tipo e ofrecerá un total de 40 prazas cun servizo, segundo asegurou Mato, «de gran calidade e orientado a preservar a autonomía persoal durante o máximo tempo posible».
A consellería explica que o obxectivo deste novo modelo é lograr «unha repartición xusta, equitativa e solidaria dos esforzos na atención á dependencia», xa que nestes momentos «é importante a colaboración» entre administracións».
Neste sentido, a titular de Traballo e Benestar asegurou que o Goberno galego está a traballar na colaboración directa cos concellos, co obxectivo de estender este sistema por outras localidades.
A Xunta destinou a construción e equipamento deste centro, que abrirá en abril, máis de 450.000 euros e o seu mantemento anual terá un custo de 440.000 euros. Na actualidade, a Administración autonómica asegura que traballa «nos últimos detalles» para poñer en marcha o servizo, que se atopa en proceso de tramitación de altas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar