O Servizo de Igualdade da Xunta convértese en modelo para Honduras

A Secretaría Xeral da Igualdade vai colaborar con Honduras no proxecto para a creación do Centro de Información á muller hondureña, que promove a Cámara de Comercio de Santa Rosa de Copán (Honduras), en colaboración coa Fundación Ronsel e a Asociación Galega de Migracións Internacionais.

O proxecto foi presentado esta mañá en Santiago nun acto ao que asistiron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o cónsul honorífico de Honduras en España, Marcos Criado; o director da Fundación Ronsel, Luis García; e o coordinador da Asociación Galega de Migracións Internacionais, Rafael Vázquez.

O municipio de Santa Rosa de Copán caracterízase polo rexuvenecemento da poboación feminina, cunha taxa do 79% de mulleres menores de 40 anos. Esta estrutura demográfica fai desta unha localidade idónea para desenvolver un proxecto piloto para aplicar políticas de igualdade e de empoderamento económico e social da muller que, en fases posteriores, poida facerse extensivo ao conxunto do país.

Segundo o previsto no proxecto, presupostado en 500.000 euros e presentado á Comisión Europea para a súa financiación a través de fondos comunitarios, o Centro de Información á Muller Hondureña, que estará localizado en Santa Rosa de Copán, facilitará as competencias necesarias para a mellora da empregabilidade e da ocupabilidade da poboación feminina, con programas de formación sobre cultura emprendedora e empresarial centrados na economía social e o autoemprego.

O proxecto, que ten unha duración de 24 meses, preve que estas accións sobre competencias emprendedoras da poboación feminina teñan un impacto multisectorial, se ben os obxectivos directos están centrados nos sectores máis relevantes da súa economía, como son a actividade turística e a agroindustria.

Entre outros, están previstos 200 itinerarios de inserción, a titorización de 25 proxectos de creación de empresas e o establecemento dunha rede social profesional, accións todas elas que desembocarán no deseño do Plan de Acción 2014-2020, en liña coa Estratexia 2020.

Todo este proceso vai estar guiado pola experiencia e a asesoría técnica da Secretaría Xeral da Igualdade, elexida como socia a estes efectos polas entidades promotoras do proxecto.

Susana López Abella sinalou no acto de presentación que “é unha honra e unha responsabilidade para Galicia que Honduras tome como referente as nosas políticas de igualdade e o modelo de centros de información á muller”, de xeito que para viabilizar esta colaboración ”poremos a disposición do proxecto toda a nosa experiencia técnica para orientar as accións máis idóneas en cada caso”.

A titular de Igualdade destacou a solidez da rede de Centros de Información á Muller de Galicia, formada por 80 centros, dos que 28 están na provincia da Coruña, 26 na de Pontevedra, 15 en Ourense e 11 en Lugo. No seu conxunto en 2010 atenderon un total de 79.358 consultas e a un total de 38.190 mulleres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar