‘Cinescultura’ convoca o certame de cine xacobeo ‘Ponte entre culturas’

 

O festival español de cine e cultura “Cinescultura”, que celebra na cidade alemá de Ratisbona (Regensburg en alemán) a súa quinta edición entre o 16 de maio e o 6 de xuño, convoca dentro das súas actividades o certame de cine xacobeo Ponte entre culturas. Este concurso cinematográfico é tanto para curtas como para longametraxes, sexan de ficción ou documentais, e a única condición é que inclúan na súa trama ao Camiño de Santiago, sexa de forma central ou episódica.

No certame quedan excluídas as obras de carácter publicitario, industrial ou turístico. O formato pode ser en 35 mm. ou en DVD PAL e non existe límite no número de obras que pode enviar cada autor, sempre que fosen realizadas a partir do 1 de xaneiro de 2008 e non se presentaran a anteriores edicións deste festival.

As obras irán no seu idioma orixinal e sempre que este sexa diferente do castelán deberán estar subtituladas en castelán, alemán, francés ou inglés. O prazo de inscrición no concurso remata o día 11 de abril. Antes desa data enviaranse as copias en formato DVD PAL. Todas as copias enviadas pasarán a formar parte do arquivo do festival e non se proxectarán sen permiso expreso dos seus autores despois da edición Cinescultura 2012.

O xurado será nomeado pola organización do festival e outorgará un premio consistente no trofeo Ponte entre culturas e 500 euros. A película premiada poderá ser reproducida noutros proxectos relacionados co festival e igualmente poderán usarse fragmentos das obras seleccionadas para a súa difusión nos medios de comunicación. Máis información sobre este festival en www.cinescultura.de  e neste link: www.xunta.es

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar