O Bloque debilítase coas contínuas escisións: “estanse a confundir”

   O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, considerou que os colectivos que abandonan a formación nacionalista “estánse a confundir”, pois son “decisións” que “o único que levan consigo é debilitar ao Bloque, a forza política que representa en Galicia a alternativa ao Partido Popular”.

Deste xeito pronunciouse o tamén candidato á Xunta do BNG ao ser preguntado polos medios de comunicación sobre a saída da fronte do Partido Nacionalista Galego, durante un acto celebrado este domingo en Paiosaco (A Coruña).

Ao seu xuízo, estas “decisións”, o “único que levan consigo é debilitar ao BNG” nun momento no que o “Partido Popular sofre unha deterioración importante” froito “das políticas que leva a cabo en Galicia”. Así, criticou que as escisións das correntes “debilitan a forza política que presenta en Galicia a alternativa ao PP”.

Con todo, asegurou que “a inmensa maioría dos militantes” que formaban parte da fronte cando se celebrou a Asemblea Nacional “seguen na formación” e están “comprometidos con facer do Bloque unha forza máis forte e unida”.

REFORMA LABORAL

Por outra parte, na súa intervención, o dirixente nacionalista recordou “as consecuencias particularmente negativas” que a reforma laboral do Goberno central ten para a Galicia, dado que “precariza as condicións laborais” e “rebaixa os salarios”, cuestións que nesta comunidade xa son “moi inferiores ao resto do Estado”.

Neste sentido, recordou que a norma “abre múltiples vías” para a rebaixa xeral de salarios”, crea “unhas condicións laborais máis precarias” e “quebra por completo o principio no que se asentaban as relacións laborais” ao posibilitar que “as empresas as cambien unilateralmente”.

Ademais, Francisco Jorquera augurou que a reforma “só provocará máis crise e máis paro” pois “renuncia a modificar o patrón de crecemento que levou” á recesión.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar