Apoio aos 70 mil galegos afectados polas participacións preferentes

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta propón un laudo arbitral para que as persoas afectadas polas preferentes e as entidades financeiras se poñan de acordo na súa devolución. “A proposta que facemos como comunidade autónoma é a posibilidade de solucionar estes conflitos vía extraxudicial, a través da arbitraxe, a través dun laudo arbitral que ten forza de sentenza xudicial”, aseverou o mandatario autonómico remarcando que a Xunta está a traballar e seguirá traballando nesta materia no ámbito das súas competencias, que tan só afectan “ao ámbito do consumo”.

Segundo explicou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, para isto “é necesario, primeiro, que as entidades acepten este procedemento” e, segundo, “que tamén os clientes afectados o acepten”. “Parécenos que unha solución que debe manexarse como unha solución real que produza efectos para que as persoas recuperen os seus depósitos pode ser un laudo arbitral, polo tanto, unha vía extraxudicial de arbitraxe que é máis rápida, non é custosa, non depende do funcionamento da Administración de xustiza e que consiste en que entidades financeira e cliente se poñan de acordo para buscar unha fórmula, que teña valor de sentenza, e que se aplique a devolución dos depósitos aos clientes que teñan este tipo de produtos financeiros”, abondou o mandatario autonómico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar