0 6% dos galegos sen cobertura de Internet recibiránna por satélite

A recepción por satélite non terá sobrecuste algún

O Goberno galego investirá 2,3 millóns de euros en proporcionar acceso a internet aos 160 mil galegos e ás microempresas do rural, o 6% da poboación, que por cuestións orográficas só poden ter cobertura a través do satélite. “Imos facer dúas cousas. Comprometernos coa cobertura de todos os galegos a través de satélite para o 6% da poboación, e 2,3 millóns de euros no ámbito rural para que as persoas que non teñan posibilidades económicas poidan proverse de estes servizos”, explicou Feijóo, que puntualizou que a metade desas axudas serán para que microempresas do rural implanten as TIC no seu negocio.

“Empresas que nunca utilizaron sistemas tecnolóxicas porque non teñen cobertura nen capacidade pensamos que inicialmente hai que axudalos para aparataxe e formación”, destacou Núñez Feijóo salientando que se trata dun proxecto “interesante” para a competitividade do medio rural e tamén de “xustiza equitativa” para a súa poboación.


FENDA DIXITAL

A Xunta busca reducir a fenda dixital entre as provincias do eixo atlántico e ás do interior, unha redución que chega xa ao 70% no que vai de lexislatura.

“Cando chegamos á Xunta había 800.000 galegos en apagón informativo desde o punto de vista tecnolóxico e só o 70% dos galegos tiñan acceso a internet; hoxe o teñen o 90%”, afirmou. Ademais, o presidente galego avanzou que hoxe case un millón de galegos teñen acceso a redes de nova xeración e o 60% está manexando redes de 100 Mbps e polo tanto redes de maior rapidez e calidade.

O titular do Goberno galego informou, por último, do nomeamento por parte do Consello da Xunta da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, como directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o departamento que substitúe á Secretaría Xeral e que se ubicará nun único edificio da Cidade da Cultura. “Un centro dedicado exclusivamente á tecnoloxía e que será o corazón dixital da Administración autonómica de Galicia”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar