Sector naval, PAC, AVE e autovías, na axenda de Feijóo na sua visita á Moncloa

Feijóo e Rajoy, en Santiago, na campaña das municipais de 2011
O xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, mantén hoxe en Madrid unha xuntanza co presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, ante quen exporá cáles son as prioridades para Galicia e formulará os problemas que sofren sectores económicos estratéxicos para a Comunidade como o lácteo e o naval, entre outros.

Neste encontro Feijóo aproveitará para abordar co seu xefe de filas no PP a necesidade de dotar de carga de traballo os estaleiros públicos da Ría de Ferrol. Así confirmou a Xunta, a través dunha carta, ao Comité de Empresa de Navantia.

E é que a cita co presidente do Goberno imposibilitará a Feijóo manter este xoves a reunión solicitada polo Comité de Empresa, a quen si poderá recibir na mesma data o conselleiro de Economía e Industria, ou o propio presidente autonómico nunha ocasión posterior.

Neste sentido, a misiva remitida pola Xunta subliña que o Goberno galego é “consciente” de que a falta de pedidos en Navantia nos últimos seis anos e o veto imposto pola Unión Europea (UE) á construción naval civil ata 2015 puxeron á bisbarra de Ferrol “en grave perigo” dende o punto de vista do emprego.

Ademais de preocuparse pola situación de Navantia, Núñez Feijóo anunciou tamén na primeira sesión do Debate sobre o Estado da Autonomía que formulará ante o presidente estatal a necesidade de que as autoridades europeas articulen un mecanismo fiscal alternativo ao ‘tax lease’ que “faga viable” o naval galego.

OUTRAS REIVINDICACIÓNS

Tamén no marco do último debate de política xeral da lexislatura, o presidente galego anticipou a súa intención de transmitir a Rajoy a necesidade de conseguir “dunha vez” o contrato homologado, ademais de continuar as negociacións en Bruxelas para que a futura Política Agraria Común (PAC) “se adecúe aos intereses dos produtores”.

Do mesmo modo, aínda que non o circunscribiu ao encontro deste xoves, o presidente puxo sobre a mesa outras cuestións sobre as que espera contar co compromiso do Executivo de Rajoy, como a reforma do financiamento autonómico para lograr un novo sistema “axeitado, xusto e certo”, e lanzou a advertencia de que as infraestruturas pendentes en Galicia non poden sufrir “máis atrasos”.

Entre outros punto, Feijóo asegurou no Pazo do Hórreo que a Xunta mantén “intactas” as súas reivindicacións con respecto á conexión do AVE coa Meseta en 2018, ano no que os técnicos da Xunta ven viable a súa finalización, así como a petición de que en 2014 se sume o Eixe de alta velocidade Vigo-Pontevedra-Santiago ao xa operativo de Ourense-Santiago-A Coruña.

Con respecto ás autovías, o Goberno galego espera que se cumpra o compromiso de finalizar a Autovía do Cantábrico en 2013, e se impulse a finalización da Autovía entre Lugo e Santiago, así como o inicio das conexións entre Vigo e Pontevedra, e entre Lugo e Ourense, e a ampliación da capacidade da Autoestrada do Atlántico (AP-9).

A cita con Rajoy, prevista para a mañá deste xoves, impedirá que se celebre na mesma xornada a habitual reunión semanal do consello de la Xunta, que terá lugar o venres.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar