O novo edificio xudicial de Santiago entrará en servicio este ano

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, visitaron hoxe as obras do novo edificio xudicial da cidade, que debido ao seu bo ritmo de construción estará rematado no primeiro semestre deste ano e poderá estar a pleno rendemento antes de que remate 2012, unha vez se traslade ao novo edificio a actividade xudicial.

Así o anunciou o conselleiro tras comprobar in situ que a estrutura das catro plantas e do soto está xa rematada e que vai moi avanzada a instalación eléctrica, a fontanería e o actuacións de saneamento. Segundo explicou Rueda, antes de que remate este ano os profesionais da Xustiza e os cidadáns de Santiago poderán beneficiarse dunhas instalacións xudiciais como as que a capital de Galicia merece e dun servizo mellorado e renovado.

Rueda destacou que o novo edificio xudicial conta cun importante investimento, de máis de 3 millóns de euros, e que ao estar situado xunto aos xulgados xa existentes permitirá incrementar en máis de 2.000 metros cadrados as actuais dotacións e albergar ata seis xulgados, tres salas de vistas, oficinas para Fiscalía e despachos de avogados e procuradores.

Neste sentido, o novo edificio solventará as necesidades de espazo xudicial da cidade, que é o obxectivo que ten o Plan de Infraestruturas Xudiciais no que se enmarca a obra. Precisamente, o conselleiro destacou tamén o bo ritmo ao que avanza este ambicioso plan, que xa leva rematadas ou en marcha a metade das actuacións inicialmente previstas.

Cooperación entre Administracións
O conselleiro aproveitou a presenza do alcalde compostelán para agradecerlle a súa colaboración e lembrou que o Plan de Infraestruturas Xudiciais é froito do esforzo e da cooperación entre Administracións, xa que son os concellos os que ceden os terreos á Xunta para que esta leve a cabo a construción dos edificios, como sucedeu en Santiago.

Rueda recordou que este camiño tamén se sigue nas cidades de Coruña, Ferrol, Pontevedra ou Ourense e lamentou que en Vigo o Concello non cumpra o seu compromiso e ceda os terreos necesarios para que a Xunta poida levar a cabo a Cidade da Xustiza, xa que os principais prexudicados son os vigueses.

Por último, o titular de Presidencia quixo remarcar o importante esforzo económico levado a cabo polo Goberno galego en momentos de crise e destacou que a Xunta non recortou os investimentos en Xustiza, na procura do mellor funcionamento dun servizo tan necesario para todos os cidadáns.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar