Achegar a información ás persoas con discapacidade

O seminario Lectura fácil nos medios de comunicación, destinado a profesionais e estudantes e orientada a facilitar o acceso aos medios de comunicación por parte de poersoas con discapacidade intelectual, inaugurouse hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, organizado pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Medios, en colaboración con Down Galicia.

Segundo resaltou o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro na súa intervención, esta xornada pretende “dar a coñecer e introducir aos profesionais da comunicación no sistema da lectura fácil” e responde a un dos compromisos adquiridos no Plan de acción integral para as persoas con discapacidade, Galicia 2010-2013, que busca fomentar a construción dunha sociedade inclusiva e integradora.

“A lectura fácil nos medios de comunicación é unha ferramenta que permite achegar a información ás persoas con discapacidade intelectual”, lembrou Alfonso Cabaleiro, salientando que este seminario responde á necesidade de que os profesionais da comunicación “realicen un esforzo de formación e actualización continuas, para así facer posible este achegamento”.

“Todos sabemos que os medios de comunicación son fundamentais e de gran importancia para a integración das persoas con discapacidade na sociedade”, remarcou Cabaleiro, instando aos profesionais dos medios a “prestar especial atención” ao tratamento informativo e á linguaxe que se empregue nesta materia.

Na apertura do seminario participaron, ademais do secretario xeral de Medios, o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, José Pereira Fariña; o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto; o presidente do CERMI de Galicia, Anxo Queiruga; e a subdirectora xeral de Autonomía Persoal da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta, Patricia Toubes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar