Reixa, candidato a una SGAE “transparente e dialogante”

Antón Reixa xa é candidato oficial a presidir a Sociedade de Autores

O autor musical, audiovisual e dramático galego Antón Reixa propuxo este mércores unha Sociedade Xeral de Autores (SGAE) máis “transparente na súa xestión interna, máis austera, máis humilde e máis dialogante coa cidadanía” na presentación da súa candidatura alternativa á presidencia, a través de Autores Unidos pola refundación (AUNIR).

Reixa presentou unha “alternativa de cambio tranquilo pero intenso”, e expuxo que durante anos os autores viviron alleos á xestión da súa sociedade, acompañado dalgúns dos membros da candidatura como Gerard Quintana, David Plana, Enric Gomà, Lluís Arcarazo e Alejandro Abad.

O seu equipo comprométese a mellorar a recadación para reducir o desconto por administración mediante un plan de racionalización do gasto, e a someter a votación da asemblea xeral a redefinición das facultades e competencias do presidente e o consello de dirección.

O candidato á presidencia manifestou a importancia de “modificar parte dos estatutos”, que deberán ser reformados nun prazo máximo de dous anos.
RESTAURAR O DIÁLOGO

Por outro lado, o obxectivo é restaurar o diálogo coa cidadanía e afrontar o asentamento do dereito do autor no ámbito dixital, xuntando “pluralidade, diversidade e proximidade”.

O compositor, autor e produtor musical Alejandro Abad considera esta unha “oportunidade histórica” de mellorar as condicións dos dereitos de autor e cre que o problema é que non se explicou axeitadamente ao público o verdadeiro fin da SGAE e desexaría cambiar a percepción que se ten dela.

A este aspecto, o guionista Lluís Arcarazo engadiu que les “fai falta un aliado nos medios de comunicación” e un traballo didáctico por parte de ambos os dous dirixido á cidadanía.

O autor de teatro e guionista David Plana mostrouse crítico coa actual xestión da SGAE, que cre que podería achegar “unha axuda á difusión do autor moito máis grande” e actuado tocando máis a realidade e sen grandes gastos.

Plana resaltou no problema da rede de teatros Arteria, que “non está pensada para o autor” polas súas grandes dimensións e que non foi rendible nin socialmente nin economicamente, xa que non supuxo un acceso alternativo do público a determinados contidos que non reciben o apoio das redes comerciais da industria cultural.
REESTRUTURAR A DÉBEDA

O programa de AUNIR inclúe a reestruturación da débeda causada pola rede Arteria para harmonizar a carga hipotecaria que supoñen os empréstitos de 150 millóns de euros e librarse dos pagamentos anuais de case 20 millóns de euros en intereses bancarios.

Reixa asegurou que serán “moi abertos pero esixentes” co Ministerio de Cultura, ao cal pedirán implicación e o establecemento duns protocolos de seguimento da entidade.

O guionista Enric Gomà subliñou que ata agora para os autores a SGAE era “impenetrable”, e remarcou o importante que é compartir lexislacións e esforzos para recadar dereitos de autor e liquidalos correctamente.

Gomà declarou que se apostará pola “tradución e a difusión das obras para levalas ao estranxeiro” e por unha relación moi colaboradora coas asociacións de autores, que se levará a cabo a través da Fundación Autor.

Cun ton moito máis contundente, o cantante e compositor catalán Gerard Quintana afirmou que está “canso de sentir vergoña por formar parte da SGAE” e cre que é necesario un cambio porque ao contrario se está a negar o futuro, non só a unha sociedade de xestión senón aos dereitos de autor.

Ademais, destacou que é importante que o socio vexa a SGAE como “algo que vai máis alá de que unha empresa”, mentres que a entidade agrupa 95.000 socios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar