Programa para o fomento do éxito escolar

O conselleiro Xesús Vázquez Abad e o director xeral de Educación, Jose Luis Mira,

4.800 estudiantes pertencentes a un total de 239 centros educativos galegos contan este curso con programas para a mellora do éxito escolar. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a impulsar un Plan de Iniciativas de Mellora (PIM) e así o explicou o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, nunha rolda de prensa na que, acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, deu conta ademais dos resultados da Avaliación de Diagnóstico 2011, que avaliaron as competencias matemáticas, en comunicación lingüística e no coñecemento e na interacción co mundo físico de 45.264 escolares galegos de 4º de Primaria e 2º da ESO.

Tal e como explicou o conselleiro, o PIM supón unha nova estratexia do departamento que dirixe na procura da mellora do éxito escolar nos centros educativos, reforzando o apoio a aqueles centros que máis o precisan, “naquelas áreas nas que os propios centros o solicitaron”. Un total de 95 colexios e institutos participan neste plan, dos que 86 centros desenvolven 170 grupos de acompañamento. Ademais, autorizouse a 9 centros para impartir programa de apoio ao alumnado adaptados ás necesidades da súa contorna.

“Falamos de máis de 4.800 alumnos beneficiados no curso 2011/2012 por este Plan de Iniciativas de Mellora, que se unen aos 11.663 estudantes beneficiados polos 144 contratos-programa que vimos de asinar con colexios e institutos galegos”, dixo.

“Desta forma- salientou- un total de 239 centros educativos galegos, é dicir, un de cada cinco, contan este curso con programas para a mellora do éxito escolar, o que significa un incremento do 52% respecto do último curso da etapa do Bipartito”. “Isto vén confirmar a aposta deste Goberno pola educación, pola mellora do ensino, e o esforzo que se está a facer para dar a cada alumno o que precisa para desenvolver ao máximo as súas competencias”, destacou.

Respecto da Avaliación de Diagnóstico 2011, Vázquez Abad salientou a importancia desta probas para facer “unha análise dos puntos fortes e das eivas do noso sistema educativo”, co fin de “apuntar as medidas desta Consellería cara aos eidos axeitados”, con iniciativas como a dos contratos-programa ou o Plan de Iniciativas de Mellora.

No tocante aos resultados por competencias, destacou que, tanto en 4º de primaria como en 2º da ESO o alumnado obtén bos resultados en comprensión oral e resultados por riba da media en comprensión lectora, mentres que rexistra dificultades na expresión escrita.

No caso da competencia matemática – na que se avaliaron subcompetencias distintas en cada unha das etapas educativas- o alumnado de 4º de primaria acadou mellores resultados no apartado de azar e probabilidade, mentres que amosou menos destreza no que se refire ao apartado de cantidades. En 2º da ESO, rexistráronse bos niveis de execución en contidos comúns e en números. Pola contra, este alumnado ten dificultades na subcompetencia de funcións e gráficas.

A Avaliación de Diagnóstico de 2011 testou, por primeira vez, as competencias do alumnado no coñecementos e na interacción co mundo físico, onde os resultados foron similares para ambos os niveis educativos. Así, os mellores resultados en Primaria déronse nas cuestións sobre os seres vivos, materia e enerxía; mentres que se detectaron dificultades no bloque de ciencia, tecnoloxía e sociedade. No caso da secundaria, o alumnado obtivo bos resultados en cuestións sobre os seres vivos, a terra e o universo; e máis dificultades en ciencia, tecnoloxía e sociedade.

No que atinxe ás diferenzas por xénero, en educación primaria as nenas superan en 20 puntos á media obtida polos nenos na competencia en comunicación lingüística e que os nenos obteñen unha puntuación 8 puntos maior que a media das nenas na competencia matemática. Na competencia no coñecemento e interacción co mundo físico, a diferenza é tan só de 6 puntos, as nenas por riba. No caso da ESO, mantense a tendencia da etapa anterior. Así, as alumnas superan en 24 puntos á media obtida polos alumnos na competencia en comunicación lingüística e os alumnos superan en 12 puntos á media obtida polas alumnas na competencia matemática. Na competencia no coñecemento e interacción co mundo físico, a diferenza é mínima, só 2 puntos, as nenas de novo por riba, como en Primaria.

Niveis de rendemento
O conselleiro explicou que en cada unha das competencias os ítems foran clasificados en cinco niveis de dificultade ou rendemento, que permiten cuantificar a porcentaxe de alumnado que hai en cada un deles. Neste sentido, en liñas xerais máis do 70% do alumnado avaliado sitúase nos niveis intermedios – niveis de rendemento 2, 3 e 4-, e arredor dun 30% no medio-superior -niveis 4 e 5-.

Neste sentido, en 4º de Primaria na competencia en comunicación lingüística, o 74,4% da poboación avaliada sitúase nos niveis intermedios e o 30,7% no nivel medio alto; mentres que na competencia matemática o 70,4% encóntrase dos estudantesnos tres niveis intermedios e o 29,7% no nivel medio alto. Respecto da competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico, a porcentaxe de alumnado de 4º de Primaria no nivel intermedio ascende ao 79%, e a un 33% no nivel medio-alto.

No caso de 2º da ESO o 71% dos estudantes sitúanse nos niveis intermedios e o 31,8% no nivel medio alto na competencia en comunicación lingüística; mentres que no coñecemento e da interacción co mundo físico, a porcentaxe no nivel intermedio é do 78,5%, un 28,8% no nivel medio-alto. “O caso máis significativo nesta etapa de secundaria – salientou o conselleiro- é a mellora dos resultados na competencia matemática: nos tres niveis intermedios encóntrase o 77,3% dos estudantes, o que supón unha subida de 1,5 puntos porcentuais respecto da AD 2009. No caso do nivel medio-alto, a porcentaxe pasa do 23,6% ao 27,7%, un incremento de 4,1 puntos porcentuais respecto do 2009”.

Influencia do ámbito do alumno
A Avaliación de Diagnóstico analizou ademais o ámbito de alumno, co fin de determinar como inflúen outros factores de contexto nos resultados. Así, os resultados acadados tras a análise destes factores conclúen que os alumnos e alumnas que len máis de 30 minutos ao día teñen mellores resultados nas tres competencias que aqueles que non len. Tamén a lectura da prensa ten efectos positivos no rendemento do alumnado.

“Neste sentido -salientou Vázquez Abad- os resultados avalan a aposta desta Consellería polo fomento da lectura entre os máis novos que se está a desenvolver a través do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe”.

Doutra banda, cómpre destacar como factores favorables o bo clima na aula, que constitúen outra das liñas de actuación da Consellería, a través da Lei de Convivencia.

Cultura do esforzo
O conselleiro quixo facer fincapé nun dos factores analizados no ámbito do estudantes, “que vai estreitamente unido a un dos valores máis defendidos por esta Consellería, a cultura do esforzo”.

Así, explicou que, á vista dos resultados acadados, o traballo persoal e diario do alumnado fóra do horario lectivo, axuda a acadar mellores resultados nas tres competencias avaliadas. Aqueles alumnos e alumnas que fan este traballo sen axuda ou coa axuda da familia son os que teñen mellores resultados. Ademais, canto maiores sexan as expectativas sobre os estudos, tanto do alumnado coma dos seus pais, mellores son os resultados nas tres competencias.

Neste sentido, Vázquez Abad apostou por “seguir neste camiño de fomento do esforzo do alumnado, de implicación das familias, e de impulso da autoavaliación, aspectos que se reforzan con iniciativas como a dos contratos-programa, ou a do Plan de Iniciativas de Mellora”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar