Feijóo propón unidade e pactos para “facer país nun momento difícil”

“Fagamos desta Cámara un paradigma de unidade política e pactemos”. Son palabras do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, nos últimos compases do seu discurso no debate de política xeral no Parlamento autonómico.

Así, e tras asegurar que “hai sucesos” nos tres partidos desta Cámara que nunca se deberon producir”, e constatar a “desafección política” que acusa moitos cidadáns, Feijóo apelou a alcanzar acordos na planificación do territorio, en trasladar unha iniciativa conxunta sobre o futuro mapa municipal e nunha proposta de país para un novo sistema de financiamento efectiva para Galicia.

Ademais, o mandatario autonómico tamén remarcou que a súa decisión é a de “cumprir con deber de ser dignos do legado” que se atopou. “A idea de facer país non é para nós un mero slogan. Faise país en tempos de bonanza e faise país nun momento difícil”, remacou.


1.- Lembranza de Fraga, política de austeridade e cooperación co Goberno central


2.-Escenario económico, financiamento autonómico, emprego industrial e déficit público


3.- Anticipo de medidas económicas, paro e evolución dos servizos públicos


4.- Eficiencia no gasto farmacéutico, reducción de listas de espera e estratexias económicas


5.- Sector naval, política enerxética, internacionalización da economía e emprededores


6.- AVE, autovías, internet, sanidade pública e transporte


7.- Planificación do territorio, novo mapa municipal, dialogo social e chamada ó entendemento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe que Galicia manterá por cuarto ano consecutivo a solvencia das contas públicas e, ao mesmo tempo, mellorará as prestacións sociais esenciais a través, por exemplo, dunha Lei de espera máxima na Sanidade Pública. Así mesmo, e logo de recordar que Galicia se anticipou en decisións políticas como a austeridade, a disciplina presupostaria ou a eficiencia, anunciou que a Comunidade galega volverá ser pioneira coa primeira fusión municipal, que se materializará neste mesmo ano 2012.

Estas son algunhas das mensaxes de futuro adiantadas por Núñez Feijóo durante o discurso co que abriu o Debate sobre o Estado de Autonomía, e no que aproveitou tanto para facer balance do que vai de lexislatura como para avanzar as principais apostas do Goberno galego no ano que queda de prazo máximo para rematar a lexislatura.

No inicio da súa intervención, tivo un recordo especial para o ex presidente da Xunta Manuel Fraga, en cuxos mandatos, segundo recordou, “Galicia falou e sempre foi escoitada”. Neste sentido, congratulouse de que nesta lexislatura volva ocorrer o mesmo e de que, tres anos despois, Galicia teña saído do anecdotario da política nacional e estea recuperando o seu lugar e a súa transcendencia en España”. “Hoxe Galicia volve falar e volve ser escoitada”, resumiu, e engadiu que “é escoitada tanto polo que di como polo que fai”.

Para ilustrar o razoamento de que Galicia está volvendo ser “referente de sentido común”, o presidente referiuse a varias decisións adoptadas pola Xunta que, a posteriori, teñen sido asumidas polo conxunto de España. Concretamente, recordou que a Comunidade galega foi a primeira en adoptar a austeridade como patrón de conduta política ou en darse conta da importancia de controlar o déficit e de regular por lei a disciplina presupostaria. Tamén foi precursora, segundo rememorou, na necesidade de revisar procedementos consolidados na xestión para acadar maiores eficiencias ou en priorizar o pago aos provedores en forma e prazo. Respecto a este último punto, subliñou que a Xunta é a administración que paga as súas facturas nun período máis reducido e mantén o compromiso de aboalas nun prazo medio de 45 días.

Reunión co Presidente do Goberno
Malia que en todas estas políticas foron incorporadas e “agora todas as administracións as consideran imprescindibles para a recuperación económica”, Feijóo puxo de manifesto que noutras ocasións non se quixo escoitar a Galicia. Despois de referirse ás ocasións en que o anterior Executivo estatal non quixo escoitar ao Goberno lexítimo de Galicia, o titular da Xunta aseverou que agora, cun novo Goberno central, Galicia si está no camiño de obter as respostas que precisa e que merece. Nesta liña, precisou que, este mesmo xoves, reunirase co Presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, para continuar avanzando nas prioridades de Galicia “que, agora si, son tamén as prioridades do Goberno de España e que agardamos que poidan ser abordadas como tal”.

Como proba desta afirmación, enumerou que hai un compromiso explícito e reiterado do ministro de Facenda de aprazar a dez anos o pago da débeda autonómica, tal e como pedía Galicia; que o Ministerio de Sanidad comunicou a súa intención de retirar o recurso que antepuxeron os seus antecesores contra o catálogo priorizado de fármacos; que se ten desbloqueado a paralización do autogoberno e o Ministerio de Interior xa decidiu reforzar a Policía Autonómica con 157 novos axentes; que os Ministerios de Industria e Facenda, teñen presentado en Bruxelas unha alternativa á retirada do tax-lease, de acordo coa Xunta e o sector; ou que no recente encontro que o propio presidente mantivo coa Vicepresidenta do Goberno traballaron no ámbito das infraestruturas e dos sectores naval, eólico e financeiro.

Lonxe de triunfalismos, pero con todo o realismo, o presidente do Goberno galego recoñeceu que Galicia está nunha posición máis avantaxada porque tomou antes e gradualmente medidas para adaptarse ás novas circunstancias. Así, vinculou o feito de que Galicia fora precursora de medidas como austeridade, racionalización, rigor ou eficiencia e vinculouno con que Galicia conte hoxe cunhas contas estables e controladas. “Por iso, seguiremos anticipándonos e aplicando medidas de sentido común”, engadiu.

O presidente galego tamén puxo de manifesto a posición máis avantaxada de Galicia dende a perspectiva dos indicadores económicos e, entre outros datos, recordou que a Comunidade conta cun diferencial de 4,6 puntos na taxa de paro, con indicadores positivos en emprego industrial fronte a tendencia negativa de España ou cunhas exportacións en niveis históricos.

De cara ao futuro, precisou que Galicia manterá a súa solvencia neste 2012, seguirá sendo unha das autonomías co menor déficit do Estado, volverá ter unha previsións de evolución do PIB mellores que as do resto de España, e manterá a taxa de paro por debaixo da media nacional. Na mesma liña, subliñou que Galicia non terá que facer novos axustes en 2012 porque será a Comunidade de toda España na que menor impacto terá a corrección de 26.500 millóns de euros que o Goberno ha facer nos Presupostos do Estado, polo déficit oculto herdado do anterior executivo.

Porén, matizou que isto non significa que a Xunta se conforme ou se dea por satisfeita. “Eu non estou aquí para dicir que en Galicia non hai problemas. Nin moito menos. Hainos. Demasiados. Hainos porque os hai en toda España e asegúrolles que conforman todas as miñas preocupacións e ocupan toda a miña atención e toda a miña disposición”, aseverou e, tras negarse a reproducir a “cegueira política” que provocou a crise económica, engadiu que “desde hai tres anos a Xunta só está centrada nas solucións”.

Di a verdade e xestiona a realidade
“Galicia ten agora un goberno responsable e con plenas garantías de responsabilidade”, continuou e, como resumen, enfatizou que os cidadáns poden ter hoxe a certeza de que a Xunta “di a verdade en lugar de tratar de ocultala, xestiona a realidade en lugar de tentar disimulala e ten no centro da súa acción política ás persoas e non o goberno en si mesmo”. Ao fío disto e tras rexeitar a ocultación que marcou os primeiros anos da crise económica, Feijóo subliñou que o actuar Goberno galego ten ido dende o primeiro día “coa verdade por diante”.

“A verdade de que vivimos unha situación moi difícil, na que o principal problema que temos que afrontar é o que sofren os 274.675 parados galegos”, dixo como inicio, e a continuación referiuse tamén á verdade de que Galicia vese afectada por unha dependencia en exceso dun mercado nacional en recesión; de que hai sectores produtivos que están a enfrontarse a dificultades históricas, de que non partimos de cero senón de negativos, ou de que España vai sufrir este 2012 unha recaída económica que vai situarnos nunha nova recesión; lonxe do crecemento de 2,3% que estimaba o anterior executivo estatal.

“A verdade, complexa, difícil, dura; pero a verdade imprescindible no camiño de restablecer a confianza que precisamos para transformar, precisamente esa verdade, nunha maior esperanza para os cidadáns”, resumiu, e engadiu que “recoñecer a situación verdadeira leva implícita a necesidade de abordar a xestión pública desde o pleno realismo”.

Neste sentido e ademais de recordar que os niveis de ingreso están en niveis do 2005, explicou que a situación económica se ve empeorada polo lastre arrastrado do pasado que supón a débeda de 2.300 millóns de euros herdada da anterior lexislatura, pola ameaza futura de que Galicia deixará de ser obxectivo prioritario nos próximos presupostos da Unión Europea, e polo obstáculo presente dun modelo de financiamento autonómico que foi malo na súa aprobación e que aínda foi peor na súa aplicación porque se incumpriu.

Neste punto e tras recordar que xa se ten conseguido o aprazamento a dez anos da débeda herdada así como a receptividade das autoridades comunitarias á proposta dunha aterraxe suave dos fondos europeos, Feijóo fixo unha dobre proposta no ámbito do financiamento autonómico. Concretamente, asegurou que a Xunta manterá o recurso de inconstitucionalidade polo incumprimento do modelo financeiro na pasada lexislatura nacional e que, paralelamente, non descansará ata acadar un novo modelo de financiamento autonómico “axeitado, xusto e certo”.

Novas medidas de racionalización
Feijóo asegurou que Galicia seguirá anticipándose e polo camiño do sentido común; “o camiño –reiterou- da austeridade, da racionalidade, da disciplina contable e da eficiencia”. E, neste sentido, avanzou que neste mesmo mes, iniciaranse os trámites para rebaixar o soldo dos directivos de empresas públicas, de tal xeito que se homologuen aos dos directivos das Consellerías da Xunta; así como para que as remuneracións que perciben os membros dos consellos de administración dos entes públicos non sexan superiores aos dun director xeral. Esta proposta súmase ao acordo xa alcanzado coa Fegamp de presentar neste semestre unha táboa racional e proporcional de retribucións e custes de corporacións locais; en función de criterios obxectivos .

Núñez Feijóo tamén afirmou que o Goberno galego seguirá profundando na racionalización; e nesa mesma liña explicou que nas vindeiras semanas iniciaranse os contactos cos grupos parlamentarios, cos axentes sociais e cos axentes empresariais para facerlles unha tripla proposta: a supresión de todos os vicevaledores da institución autonómica do Valedor do Pobo, a supresión do Tribunal Galego da Competencia e a súa integración no Instituto Galego de Consumo e a supresión do Consello Económico e Social e a súa integración no Consello de Relacións Laborais.

Exemplos de mellor xestión nunha lexislatura na que hai menos recursos que nunca e máis problemas que nunca son, para Feijóo, os que están permitíndolle a Galicia non só manter, senón tamén incrementar as prestacións sociais públicas que reciben os galegos. “Equilibrio e rigor nas contas; e máis cidadáns con acceso ás prestacións públicas esenciais: máis Sanidade pública, máis Educación Pública, máis Servizos Sociais Públicos”, dixo a modo de resumo. Así, asegurou que “rotundamente si” é posible incrementar os servizos públicos porque Galicia conta hoxe con máis escolas infantís, máis residencias, máis prazas para discapacidade, máis dependentes atendidos, máis tecnoloxías e idiomas nas escolas, máis infraestruturas sanitarias ou máis perceptores da RISGA.

Máis política social
De cara ao futuro, e no eido sanitario, comunicou a intención do Goberno galego de dar resposta a un compromiso electoral e inédito nos 20 anos de historia do Servizo Galego de Saúde: a aprobación dunha Lei de espera máxima na Sanidade Pública. “Unha lei que dea garantías aos pacientes de que sexan atendidos nun prazo máximo en función da gravidade; é dicir, que cree para os galegos, e por primeira vez, un seguro de espera na sanidade pública”, resumiu, despois de recordar que o Goberno galego xa ten reducido notablemente as listas de espera con carácter xeral, e especialmente nos casos máis graves.

Para poder materializar melloras sociais coma esta, o presidente comprometeuse a seguir profundando na eficiencia. Como medidas de futuro neste eido, marcou o obxectivo de reducir o gasto farmacéutico nun 7% este 2012 respecto aos 102 millóns de euros xa reducidos o pasado ano e o impulso á Plataforma loxística. Ambas decisións permitirán un aforro de 80 millóns de euros, que poderán ser empregados en reforzar o sistema sanitario público galego.

Así, Feijóo garantiu máis sanidade pública e anunciou que tamén neste mandado se licitará a ampliación do Hospital de Ourense, no que se centralizarán os investimentos do Hospital 2050, de tal xeito que, Ourense non só superará as carencias actuais senón que, cunha innovación sanitaria sen precedentes, representará o hospital do futuro en Europa.

Respecto ás infraestruturas sanitarias, o responsable autonómico lembrou que no que vai de lexislatura tamén se equipou e se puxo en funcionamento o Hospital Público de Lugo, xa están moi avanzadas as obras de ampliación do Hospital público de Coruña, ou xa está en plena execución o futuro Hospital Público Metropolitano de Vigo. Tamén recordou que xa están en proceso de expropiación os terreos para construír o novo proxecto do Hospital público de Pontevedra ou que se está a traballar para impulsar a ampliación do Hospital público do Salnés e a do Hospital público da Costa da Mariña Lucense antes de que remate esta lexislatura.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta referiuse a outros compromisos concretos no eido da política social, e marcou como obxectivo alcanzar máis de 2.000 novas prazas públicas en escolas infantís ou case 1.000 novas prazas públicas en residencias. Tamén se comprometeu a dar máis apoio aos colectivos con dificultades, a través da nova Lei de Inclusión que incluirá unha modificación para facer máis útil a RISGA ás persoas que a perciben; a introducir máis tecnoloxías nas escolas, co fin de que máis de 40.000 alumnos estean nunha aula dixital o próximo curso, ou que máis alumnos que poidan estudar en galego, en castelán e inglés, cun total de 160 novos centros escolares incorporados á rede de Plurilingüismo o próximo curso.

Así mesmo, precisou un maior compromiso coas universidades, coa aprobación da Lei de Universidades”; e máis compromiso coa conciliación laboral e familiar, a través por exemplo dun novo Decreto de escolarización que evite a varios irmáns ir a colexios distintos.

Aposta pola cooperación municipal
Ademais das prestacións sociais, fin para o que se dedican tres de cada catro euros do orzamento autonómico, o presidente subliñou a economía como a segunda gran prioridade da Xunta de Galicia. E, neste senso, referiu que nesta lexislatura non só se tivo que facer fronte á peor coxuntura económica da historia democrática de España, senón tamén á necesidade de planificar eidos importantes para asegurar a competitividade de Galicia.

Entre eles, dedicou un capítulo especial ao futuro mapa municipal, e resaltou que, ao igual que Galicia se anticipou en austeridade, en racionalización, en rigor ou en eficiencia, “Galicia volve a anticiparse tamén no que será o futuro, máis pronto que tarde, das corporacións locais en España”. Así, precisou que a unión entre dous concellos en Galicia será xa unha realidade neste 2012 e que mañá mesmo presentará cos representantes de dous municipios galegos a primeira destas alianzas. Neste punto, destacou que o papel dos entes provinciais será fundamental para lograr unha maior cooperación municipal.

Aínda que puntualizou que a Xunta non obrigará a ninguén, Núñez Feijóo subliñou que a Xunta favorecerá e incentivará a unión voluntaria entre concellos. “É preciso unha maior cooperación entre os concellos. Ben sexa a través dunha fusión práctica, pola vía dos feitos, ou ben sexa a través dunha fusión completa pola vía legal”, dixo e engadiu que a Xunta tentará promover esta cooperación, como xa fixo a Xunta ao priorizar as axudas a aqueles concellos que se teñan asociado con outros, e ao acordar coa Fegamp realizar unha análise da situación socioeconómica dos concellos para detectar onde urxen máis as sinerxías.

Ordenación do Territorio
O mapa municipal é un dos campos de planificación máis importantes para o futuro en opinión do presidente da Xunta, que tamén destacou o traballo xa feito noutras áreas destacadas para mellorar a competitividade de Galicia. Así, en materia de ordenación do territorio, asegurou que as medidas postas en marcha permitiron facer da Galicia unha comunidade “máis competitiva” e, de xeito especial, incidiu na aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral, que propuxo completar de forma consensuada cunha nova Lei do Solo.

Neste sentido, resaltou que os contactos en busca dun acordo parlamentario xa se teñen iniciado. “Como primeira medida, recordou a elaboración dun documento de bases por parte da Xunta, que xa está rematado, e que se porá a disposición nas próximas semanas”, concretou e, co obxecto de lograr un verdadeiro desenvolvemento sostible, o presidente da Xunta fixo tamén un chamamento ao acordo para a ampliación da Rede Natura, que incluirá territorios pertencentes a 235 concellos e 96 espazos de especial protección.

Infraestruturas viarias, ferroviarias e tecnolóxicas
En relación as infraestruturas viarias e ferroviarias, Feijóo referiuse ao Plan Move –para que o 80% dos galegos poidan ter acceso a unha vía de altas prestacións en menos de dez minutos- e destacou que xa están executados preto de 84 novos quilómetros de altas prestacións e comprometeu para este 2012 a apertura de 60 quilómetros máis.

Sobre as infraestruturas dependentes do Goberno central, o titular da Xunta aseverou que o Executivo galego mantén intacta a reivindicación de que a alta velocidade galega e as autovías pendentes non poden aturar máis retrasos e, de forma concreta, marcou as seguintes prioridades: “que en 2014 se sume o Eixo de alta velocidade Vigo-Pontevedra-Santiago, ao xa operativo de Ourense-Santiago-A Coruña. Que se complete a conexión coa Meseta en 2018. E, nas autovías, que se cumpra o compromiso de rematar a Autovía do Cantábrico en 2013, e se impulse tanto a finalización da autovía Lugo e Santiago como o inicio das conexións entre Vigo e Pontevedra e entre Lugo e Ourense, así como a ampliación de capacidade da Autopista do Atlántico”.

No ámbito da planificación, tamén resaltou a aposta da Xunta por situar a Galicia á vangarda tecnolóxica coa Axenda Dixital 2014.gal. Neste senso, e a pesar das restricións orzamentarias, Feijóo destacou que a Xunta ten mobilizado, xunto co sector privado 1.600 millóns de euros, de xeito que o 90% dos galegos xa ten acceso á banda larga superando o obxectivo marcado para 2011 e reduciuse dun 20 a un 5% as diferenzas entre a Galicia rural e a urbana.

Despois de asegurar que coa nova Lei de Telecomunicación o acceso a unha conexión de internet de banda larga converterase nun servizo básico ao que os cidadáns deben ter dereito; Feijóo afirmou que esta evolución supón tamén unha mellora nos servizos públicos, na Sanidade –historia clínica e receita clínica electrónica-, no eido educativo –Plan Abalar-; na Xustiza –renovación do 85% do equipamento ofimático dos Xulgados-, e o Plan de Modernización da Administración coa posta en marcha da sede electrónica.

Outros ámbitos de planificación
A ordenación do territorio, a concreción das infraestruturas viarias e ferroviarias pendentes, e a posta en marcha dunha axenda dixital eran, sen dúbida, algunhas das principais materias que tiña pendentes, pero non eran as únicas. E, neste punto, o presidente galego referiuse ao Plan das infraestruturas xudiciais –con 64 actuacións de nova construción ou mellora-; ao Plan Hidrolóxico -1.000 millóns de euros ata 2015 para garantir a calidade das augas competencia exclusiva da comunidade e cumprir o compromiso de non autorizar novos aproveitamentos hidroeléctricos-; ou á implantación xa nas áreas de Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago do Plan de Transporte Metropolitano –cun aforro anual para os usuarios de ata 600 euros-.

Dentro da aposta por reequilibrar o territorio para que Galicia deixe de ser escrava das diferenzas internas, Feijóo recalcou que o Plan Impulsa Lugo, o Impulsa Ourense, o Programa REVIVE e o Plan Ferrol son a proba de que é posible tomar medidas a favor dunha Galicia única.

Apoio aos sectores produtivos
Dentro do esforzo económico da Xunta de Galicia, Feijóo tamén destacou que esta é a lexislatura na que máis incentivos, en forma de avais e préstamos, se están a dar aos emprendedores en Galicia, así como tamén na que se está a fixar unha estratexia única para cada un dos principais sectores estratéxicos da economía galega.

Concretamente, resaltou que un dos que peor o está pasando nesta crise económica é o sector naval. Tras lamentar a inacción do anterior Goberno central, subliñou que nestes primeiros meses do novo Goberno de España, logrouse avanzar máis que nos catro anos anteriores, e destacou a intención de incidir co presidente do Goberno tanto no que se refire ás negociacións con Bruxelas para pactar un modelo de tax lease que faga viable o naval galego, como propostas concretas que aporten carga de traballo aos estaleiros públicos da ría de Ferrol.

No eido do comercio, Feijóo anunciou, nas próximas semanas, a posta en marcha dun mecanismo para simplificar os trámites e eliminar trabas a calquera persoa que teña en mente poñer en marcha un comercio. “O obxectivo –explicou- é instaurar o modelo de ‘licenzas express’, de tal xeito que será suficiente cunha comunicación previa e unha declaración responsable para poder abrir un comercio, sen prexuízo da posterior comprobación por parte do Concello”.

Ámbito primario
Por outra banda, tamén se referiu ao seu compromiso co sector da pesca e recordou algunhas das decisións tomadas para fortalecer este sector, como a Lei de pesca ou o Plan contra o Furtivismo. Así mesmo, explicou que despois do verán presentarase o Plan Estratéxico de Pesca, que prestará especial atención ao eido transformador e comercializador e que irá axustándose as liñas da futura Política Común de Pesca. Tamén lembrou que se fixou unha estratexia para a acuicultura, de tal xeito que Galicia é a primeira rexión de Europa cun plan estratéxico de desenvolvemento e cun Plan Director, que xa está presentado, e que estará completamente operativo neste mesmo ano.

Ao longo da súa intervención, tamén reparou nas medidas de apoio que se poñerán en marcha para o sector agrogandeiro, cun apoio fundamental a un dos seus piares máis importantes, como é o sector lácteo. “Para mellorar a súa competitividade mobilizamos máis de 800 millóns de euros; para blindar o seu prestixio xa está a funcionar a reclamada marca que identifica a calidade do leito galego; e para promover un decreto que fomenta a constitución de organizacións de produtores lácteos”, recordou, e engadiu a intención de transmitirlle na vindeira reunión que manterá co presidente do Goberno central a necesidade de conseguir dunha vez o contrato homologado, ademais de continuar as negociacións en Bruxelas para que a futura Política Agraria Común se adecúe aos intereses dos produtos galegos.

En materia forestal, salientou que a aspiración de que Galicia debía superar o minifundismo forestal e facer rendible o monte ten xa un reflexo práctico e normativo: a través do impulso á concentración mediante as SOFOR, pero tamén coa aprobación da Lei de Mobilidade de Terra e co impulso necesario para que neste período de sesións Galicia conte, por primeira vez na súa historia, cunha Lei de Montes que permita sacar verdadeiro partido a enorme riqueza forestal de Galicia. Tamén anunciou que a Xunta dará traslado ao Goberno central do acordo alcanzado no Parlamento de Galicia para lograr un endurecemento das penas, de tal xeito que se amplíen os supostos de agravamento.

Sector industrial
Sobre o sector industrial, Feijóo lembrou que o modelo industrial de futuro está fixado na Lei de Política Industrial, en tramitación parlamentaria; e precisou que ao longo deste ano, elaborarase o Plan Director de Actividades Industriais que desenvolverá esta normativa e que proporcionará facilidades para a implantación e consolidación de proxectos estratéxicos de especial relevancia para Galicia. Co mesmo obxectivo de facer a nosa terra atractiva para os emprendedores, recordou que tamén está en marcha o Plan Sectorial de Áreas Empresariais, e que vai a permitir multiplicar por tres a actual superficie de solo industrial, pasando de 19 a 62 millóns de metros cadrados

Así mesmo, explicou que a Xunta está a levar a cabo unha estratexia para o sector da automoción e, citou, entre outras medidas, o Plan Re-movote Integral, dotado con 120 millóns de euros, e o apoio ao desenvolvemento e promoción do vehículo eléctrico. No campo enerxético, destacou unha dobre estratexia dirixida, por unha banda, aos cidadáns e emprendedores que a consumen, promovendo un modelo único de factura eléctrica, que sexa máis transparente e exacta co consumo real; e, por outra, para a enerxía como sector industrial, para que siga sendo unha fonte de riqueza e emprego.

Neste último punto, referiuse ao sector eólico, que xa está dotado dunha Lei que blinda a seguridade xurídica e que crea un canon que permite compensar a afectación ambiental dos muíños de vento, así como o cumprimento do compromiso de facer un concurso eólico obxectivo e transparente de 2.325 megavatios e que mobilizará 6.000 millóns de euros. Así mesmo, garantiu o traballo da Xunta co sector para facer posible a adaptación aos cambios normativos anunciados no panorama nacional, e que eliminan o sistema de primas como consecuencia da multimillonaria débeda do Estado coas eléctricas e o exceso de enerxía producida.

Feijóo fixo referencia tamén ao acordo con Gas Natural para que Fenosa volva a Galicia, con sede na Coruña unha decisión que implica un investimento de 1.000 millóns de euros ata 2016 e a creación de 2.000 empregos. Ademais, avanzou que a intención da compañía é instalar un Centro de Excelencia na cidade de Vigo que permitirá o desenvolvemento de novas tecnoloxías na enerxía mariña.

Outro dos sectores produtivos aos que dedicou especial atención foi a cultura. E, respecto a este campo subliñou a obriga e necesidade de conservar e aproveitar a nosa cultura ancestral, ao igual que se fixo coa celebración do 800 aniversario da Catedral ou coa apertura do Centro de Arte Rupestre en Campo Lameiro. Neste punto, anunciou a decisión da Xunta de apoiar e respaldar a iniciativa do Consello da Cultura Galega de dignificar o Panteón de Galicia a través dunha Lei impulsada na Cámara e para a que solicitou o apoio dos tres grupos parlamentarios.

O titular da Xunta destacou tamén o impulso e racionalización da Cidade da Cultura, non só poñendo a funcionar todos os edificios construídos, senón tamén orientándoa cara o futuro, a través dun Plan Estratéxico para o Gaiás, que ten como obxectivo abaratar os custes de mantemento e abrir a Cidade da Cultura a distintos usos.

No tocante ao sector turístico, e despois de facer fincapé na Lei do Turismo, na creación da marca turística Galicia e na elaboración do mapa de xeodestinos; precisou que a Xunta está pechando con operadores profesionais e coa mobilización de investimento privado un plan para reactivar Manzaneda e poñela a funcionar como verdadeira estación de montaña.

Sector financeiro
O responsable do Goberno galego tamén dedicou parte da súa intervención ao futuro financeiro. Despois de que Galicia resistise a primeira reestruturación financeira, apuntou que “segue en pe” na segunda e reiterou que se os profesionais actuais conseguen a capitalización suficiente se poderá “volver resistir e manter unha entidade financeira con centros de decisión en Galicia”. “Se cumpren este obxectivo, que é capitalizarse; e se cumpren a súa función principal, que son as familias e os emprendedores galegos, -aseverou- a Xunta estará con eles”, resolveu.

Ademais, referiuse ao conflito das preferentes, que ten atrapado os aforros de moitas familias e precisou que como presidente da Xunta púxose en contacto co Ministerio de Economía para propoñerlle unha solución a negociar coa Unión Europea, e que debe pasar por que as persoas afectadas poidan dispoñer dos seus aforros.

Innovación e internacionalización
Por outra banda, Núñez Feijóo afirmou que o Goberno galego leva traballando neste tres anos, e seguirá a facelo, en buscar novas fórmulas para abrir Galicia a novos espazos, a novas posibilidades, a novos clientes, o que pasa pola innovación e a internacionalización.

Logo de lembrar os proxectos de innovación máis relevantes que se están a facer na comunidade, tanto desde o punto de vista público como empresarial e universitario –Plan I2C, Campus Vida, Campus do Mar, Innova-Saúde e Hospital 2050, Programa FEDER-Interconecta, entre outros-. Feijóo asegurou que na cooperación e na colaboración coas Universidades e as empresas fundamentarase a nova Axencia de Innovación de Galicia, que comezará a funcionar nos próximos días. Tamén dixo que a nova Lei de Innovación será prioritaria no calendario lexislativo.

Por outra banda, fixouse no feito de que Galicia alcanzara en 2011 unha cifra record en materia de exportacións e de que tivera a segunda mellor balanza comercial de España para concluír que a Xunta debe continuar tamén a súa aposta pola internacionalización. Como exemplos, concretou que este ano se dobrará o número de xestores de exportación ou que a Xunta seguirá orientando cara a economía a súa axenda exterior.

Chamadas ao consenso
Feijóo afirmou que os cidadáns son conscientes de que este momento económico histórico require dunha histórica reacción política e en varios momentos da súa intervención aproveitou para facer un chamamento ás forzas da oposición e iniciar no Parlamento esa política modélica que se merecen os cidadáns.

“Fagamos deste Parlamento un modelo a seguir, un paradigma de unidade política e pactemos. Rematemos a planificación do territorio cunha nova normativa do Solo consensuada. Traslademos ao Goberno de España unha iniciativa conxunta sobre o futuro mapa municipal. Acheguemos unha proposta de país para un novo sistema de financiamento efectivo para Galicia”, aseverou.

Feijóo asegurou que os cidadáns non necesitan un goberno e unha oposición permanentemente enfrontados, tampouco partidos divididos, ou políticos individualistas; e lembrou que o calendario lexislativo dará, de aquí ao final da lexislatura, máis de 20 oportunidades para acordar. “Temos moitas dificultades ás que dar resposta. Galicia necesítanos xuntos”, salientou.

“A unidade pode fraguar o acordo no ámbito municipal, e os primeiros pasos da fusión de concellos demostran que é posible superar localismos que non nos conducen a ningures; e pode fraguar o acordo no ámbito social, e o temos logrado con carácter xeral no seo do Diálogo Social con 29 grandes acordos entre Xunta, patronal e sindicatos. Esta ten sido a lexislatura cun Diálogo Social máis frutífero e máis duradeiro. A unidade pode tamén fraguar o acordo no ámbito político. Aquí mesmo houbo acordos na defensa do naval ou sobre o sistema financeiro. E aquí mesmo, nesta lexislatura, acordamos e aprobamos a reforma da Lei da CRTVG”, puxo a modo de exemplo.

Excepcionalidade do tempo presente
O presidente chamou ao consenso dos grupos parlamentarios en varios momentos da súa intervención, convencido de que o debate de hoxe é unha gran oportunidade para dar respostas conxuntas ante a “excepcionalidade” do tempo presente. “O como estamos e eu diría que mesmo o por que estamos como estamos non suscita debate entre os cidadáns”, apuntou, e concluíu que iso debería servir para “deixar de pasalo todo polo filtro partidista” e avanzar “todos xuntos” no fortalecemento da nosa autonomía. “Porque tamén hai que facelo ás duras”, apostillou.

Na súa opinión, os resultados electorais dos últimos procesos electorais demostran que os cidadáns son “plenamente conscientes” de que España vive o maior empeoramento económico da súa historia democrática e de que son necesarios esforzos e persistencia para alcanzar unha saída, sen poder permitirnos máis demoras.

Nun momento do seu discurso, recordou que o Parlamento de Galicia foi escenario de como desde a oposición se advertía de que a opción do Partido Popular nas Eleccións Xerais supoñía avalar e incluso estender a España a xestión da Xunta de Galicia. “O resultado en Galicia e en España foi claro. Os cidadáns apoian as nosas políticas de responsabilidade”, resolveu.

“Manifestaron nas urnas un cambio en España sen precedentes; en todo o Estado, Comunidade por Comunidade e case concello por concello. Un cambio político das dimensións das reformas políticas que entenden que son precisas levar a cabo”, aseverou e, como proba do acertado diagnóstico dos cidadáns, puxo as primeiras decisións do novo Goberno central, como a reforma dos 15.000 millóns de euros para despexar o risco de intervención da economía española, ou as reformas laboral e financeira. “A España que iniciou este 2012 xa non conta nin con cen días de graza: esgotou os períodos de proba e as segundas oportunidades”, resumiu neste punto.

Con todo, considerou que precisamente na determinación está a clave para poder manter a esperanza de acabar no grupo dos que resistiron e non no grupo dos derrotados polas dificultades, como xa fixo a nación española noutras encrucilladas históricas. “O país que hoxe vivimos forxouse na adversidade”, dixo en alusión á época da Transición e ensalzou o factor humano que a fixo posible e que hoxe serve de referente.

Neste punto, tivo un recordo especial para o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, falecido hai menos de dous meses, de quen destacou tanto as súas achegas na Transición, na elaboración da Constitución española e na fundación dun dos grandes partidos estatais como a súa labor como presidente autonómico. “Foi, é e será sempre un referente como galego”, resumiu, e engadiu que, sen a contribución de Fraga, Galicia sería “inxustamente menos completa e moito menos transcendente”.

“O Presidente Fraga escoita ao seu pobo, aténdeo e o pobo fala”, continuou, e concluíu que por iso “o seu recordo está presente en todos os recunchos de Galicia pero tamén no sentimento de tantas galegos e galegos, de varias xeracións, que gañamos con el grandes doses de autoestima”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar