Orozco, chamado a declarar na “Operación Campión”

O alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, foi imputado no marco da Operación Campeón e terá que prestar declaración ante a titular do xulgado de instrución número tres de Lugo, Estela San José, “sobre prevaricación” o día 23 de marzo ás 10.00 horas.


Así o explicou, sorpredido, o propio López Orozco este luns, tras recibir “unha cédula de citación” na que a xuíza do caso lle imputa dentro da Operación Campión. “Non sei que fixen para tal cousa”, sinalou.
O rexedor deduce que a cita se debe ás declaracións de Jorge Dorribo, o principal imputado, “non sei si polas antigüidades”, polas “licenzas que se outorgaron” ou polas licenzas para a nave de Nupel no polígono de O Ceao.
“É unha boa oportunidade para explicar á xuíza que as licenzas cumpren todos os requisitos que teñen que cumprir as licenzas, que é un acto regulado. E polo tanto se é así terei a oportunidade de poder explicalo”, asegurou López Orozco.
Ao mesmo tempo, confiou en que se é “polas persoas que cita” Dorribo, se chame a declarar “absolutamente a todo o mundo”. “Espero que a xustiza sexa igual para todos”, apostilou.
“Eu nunca falei con este señor, nin con el, nin con persoa interposta sobre as licenzas”, ratificou Orozco, ao tempo que confirmou que está “altamente sorprendido” pola citación.
O rexedor lucense sinalou que o día 23 asistirá ao xulgado “con luz e taquígrafos” e recordou que el xa presentou unha querela contra Dorribo, logo de transcender a declaración do industrial farmacéutico ante o Tribunal Supremo no que lle vincularía coa trama a través de tratos de favor a cambio de financiar o Arde Lucus.
“Seguirei ata o final, porque xa está ben. Xa está ben que se xogue coa honorabilidade, non solo do alcalde de Lugo, que é moi grave, senón en contra da miña persoa. Estou disposto a chegar ata o final para rematar con esta cantilena e con esta serpe de verán”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar