José Blanco recoñece que defendeu (secretamente) a Espinosa

José Blanco, tras a votación

   O exvicesecretario xeral do PSOE José Blanco admitiu este sábado, despois de coñecidas as votacións que fan que Pachi Vázquez revalide o seu cargo á fronte do PSdeG, que a súa “preferencia persoal” neste congreso era Elena Espinosa. En todo caso, expresou a súa “satisfacción” pola “democracia interna” do seu partido.

En declaracións aos medios nos corredores do congreso, o exdirixente socialista desexou tamén “sorte” ao recén elixido secretario xeral “na súa andaina”. “Espero que signifique que o PSOE vai promover unha alternativa capaz de gañar ao Goberno de Galicia e, neste sentido, lle desexo toda a sorte e exprésolle todo o meu apoio para esta tarefa e esta etapa”, manifestou.

En canto á exministra, xustificou a súa opción en que “entendía que podía abrir mellor un tempo novo e diferente”. “Pero a democracia é a que é e o resultado é o que é”, apostilou Blanco, quen explicou que decidiu indicar o seu posicionamento para “evitar especulacións”. “E ten moito máis valor que o diga tras o resultado do congreso”, sinalou.

Preguntado ao respecto, afirmou sentirse “ben” pola súa condición de “demócrata”. “Un demócrata sempre está satisfeito por pertencer a un partido onde hai moita democracia interna”, resaltou o lucense.

“Eu tiña unha preferencia, os compañeiros optaron democraticamente por outro candidato, e esas son as regras do xogo”, concluíu, para avanzar que, nesta nova etapa, estará “a disposición do secretario xeral” pero “sempre dende un segundo plano”, como xa dixo “hai meses” que faría. “Unha vez que os compañeiros decidiron, un ten que poñerse a disposición nesta etapa nova e distinta”, finalizou Blanco.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar