A crise económica non impide os investimentos en vías de comunicación, apunta Feijóo

Feijóo en Moraña, na apertura da estrada PO-221

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, na posta es servizo da mellora da estrada PO-221 entre Caldas de Reis e Moraña, que a pesar da crise, a Xunta ten en marcha actuacións nas estradas galegas que superan os 562 millóns de euros. “En época de crise, seguimos apostando polas infraestruturas e durante este ano 2012 abriremos, na provincia de Pontevedra, 12 novas infraestruturas; o que supón poñer a disposición 75 quilómetros e un investimento que supera os 127 millóns de euros, dun total de 562 millóns que estamos investindo en toda Galicia”, precisou

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego subliñou que a seguridade viaria é un dos eixos reitores da planificación en materia de estradas, “xa que non se trata só –dixo- de abrir novos quilómetros senón de manter todos os quilómetros feitos en boas condicións”. E estableceu como obxectivo prioritario a conservación dos 4.000 quilómetros de estradas que ten a Xunta e por onde discorre máis do 98% da poboación galega. “A conservación de estradas e a mellora da seguridade non é unha opción, é unha obriga”, sentenciou.

Despois de explicar que a mellora da estrada PO-221 entre Caldas de Reis e Moraña supón un investimento de 7 millóns euros e lle dá a Moraña unha nova variante de poboación que, desviando parte do tráfico, mellorará a calidade ambiental do centro da vila; Feijóo destacou tamén outros “deberes e compromisos que o Goberno galego –aseverou- ten con esta comarca”.

Neste sentido, e nun primeiro termo, referiuse á planta de Clesa, en Caldas de Reis; e avanzou a existencia dun proxecto solvente liderado polo grupo galego Feiraco que se fará cargo da planta.

Feijóo destacou o traballo feito pola Consellería de Economía e Industria, en colaboración coa plantilla, para manter a actividade e o emprego dun sector clave e estratéxico como é o sector lácteo para Galicia. “Esta implicación da Xunta –precisou- supón un compromiso de 4,5 millóns de euros que pon a disposición desta comarca para manter esta industria e manter os empregos”.

En materia de solo industrial, o presidente galego garantiu o compromiso do Executivo autonómico coa comarca, tal e como reflicte o Plan Sectorial de solo empresarial de Galicia, no que está previsto un plan industrial para esta área, no concello de Caldas de Reis.

Así mesmo, Feijóo reiterou o deber e o compromiso de seguir protexendo a natureza, coidando e conservando as augas dos ríos e das rías: “vamos a seguir desenvolvendo o Plan Umia, un plan integral que supón un investimento de 21 millóns de euros, dos que xa estamos executando máis da metade. Isto permitirá sanear a ribeira do río para mellorar a calidade das augas da comarca”.

O titular da Xunta concluíu afirmando que os cidadáns piden administrar, priorizar e decidir; “e nesta comarca –garantiu- estamos traballando para elo”. Deste xeito, e a modo de exemplo, lembrou que no eido das infraestruturas, e a pesar da crise económica, Galicia ten, no ano 2011, unha porcentaxe de execución de investimento 20 puntos máis que a media do resto das comunidades.

..

Vídeos relacionados

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar