A producción industrial caeu en Galicia un 9 %

 

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) caeu un 9,2% en xaneiro, en relación ao mesmo mes de 2011, en Galicia, o que a sitúa como a segunda comunidade cun descenso máis acusado, inferior unicamente ao retroceso de Madrid (un 10,4%), de acordo cos datos publicados este mércores o Instituto Nacional de Estadística (INE).

En toda España, o IPI retrocedeu un 2,4% en xaneiro respecto ao mesmo mes de 2011, moderando en algo máis de catro puntos a caída interanual de decembro (-6,5%). Con este descenso, o IPI encadea cinco meses consecutivos de caídas interanuais. Unha vez descontado o efecto calendario, a variación interanual da produción industrial foi do -4,2% en xaneiro, sete décimas inferior á rexistrada en decembro.

Deste modo, a caída rexistrada pola Comunidade galega no primeiro mes do ano é case sete puntos superior á media estatal, segundo os datos publicados.

Todos os sectores industriais presentaron en xaneiro taxas interanuais negativas, salvo os bens de consumo non duradeiro, que rexistraron un aumento da súa produción do 1,2%, grazas a que máis da metade das actividades que compoñen este sector experimentaron crecementos, destacando a fabricación de aceites e graxas vexetais e animais.

Así, os bens intermedios experimentaron unha caída do 3,8% respecto a xaneiro de 2011, motivada polo retroceso da produción de grande parte das súas actividades, especialmente a fabricación de produtos básicos de ferro.

Os bens de equipo, pola súa banda, presentaron unha taxa interanual negativa do 4,2% debido ao recorte da produción na metade das actividades do sector, entre as que destacan a fabricación de vehículos de motor.

ENERXÍA

A enerxía rexistrou unha diminución interanual do 3,4% en xaneiro como consecuencia da caída da produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica, mentres que os bens de consumo duradeiro retrocederon un 5,4% en relación a xaneiro de 2011.

Por comunidades autónomas, a produción industrial experimentou en xaneiro variacións interanuais negativas en trece delas, entre as que destacan Madrid (-10,4%), Galicia (-9,2%) e Baleares (-8,5%). Só Murcia, Andalucía, Extremadura e Aragón rexistraron taxas positivas en xaneiro, con avances interanuais do 11,6%, do 6,8%, do 3,1% e do 0,4%, respectivamente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar