A Deputación da Coruña adianta 25 millóns a concellos para pagos a proveedores

Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña adiantará a próxima semana 25 millóns de euros aos concellos para que paguen aos seus provedores, segundo anunciou o seu presidente, Diego Calvo, durante unha conferencia nos almorzos informativos ‘Fórum Europa. Tribuna Galicia’.

Na súa intervención, Calvo voutou a defender o papel das deputacións, pero cambiando “as súas funcións e competencias”. Ademais, cualificou de “sentido común” a fusión de concellos para “mellorar” na prestación de servizos.
Tamén considerou que algúns concellos deben dar “un paso adiante” e “repercutir determinadas taxas aos veciños”, en relación ás dificultades dalgúns municipios para afrontar servizos que agora prestan de forma gratuíta.
Sobre o adianto dos 25 millóns de euros, explicou que esta decisión afectará os municipios que teñan delegado o cobramento das súas taxas municipais na Deputación. Ese diñeiro é o que lles correspondería polos meses de marzo, abril e maio e que, en lugar de adiantalo mensualmente, se fará de forma trimestral “para afrontar facturas pendentes”, precisou.

MAPA TERRITORIAL

Na súa conferencia, Diego Calvo defendeu o papel das deputacións, pero “modificándoo” para adaptar a súa xestión ás novas necesidades. Asímesmo, rexeitou que a fusión dos municipios implique a súa desaparición. “As dúas cousas van unidas”, sentenciou.
Por outra banda, volveu apostar por un cambio do mapa territorial, para o que cualificou “vital” a vontade dos concellos. Non obstante, advertiu de que o que agora “é voluntario, mañá pode que non”. Por iso, avogou por avanzar “neste camiño”.
En canto ao aforro que implicaría esta medida, precisou que viría pola prestación “conxunta” e a “xestión coordinada” dos servizos. Ademais, rexeitou que a fusión implique a desaparición das parroquias “que seguirían aí”.
Na súa intervención, incidiu tamén en que o organismo provincial coruñés dispón dunhas contas “saneadas” o que atribuíu á actual xestión, pero tamén a que “non había nada debaixo da alfombra”, en relación á xestión dos anteriores xestores provinciais.
Por outra banda, en materia de infraestruturas viarias, sinalou que a Deputación está en conversacións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que asuma “máis de 700 quilómetros” de estradas dependentes do organismo provincial cunha intensidade de tráfico “media”.

“REPENSAR” AS FUSIÓNS

Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, que presentou a Diego Calvo, coincidiu na necesidade de optar “polo camiño” da colaboración e a cooperación entre concellos, pero tamén “repensar a fusión”.
“E facelo voluntariamente antes de que nolo impoñan”, recalcou o rexedor coruñés, quen insistiu na existencia dunha “inflación administrativa”. Así, acusou de “impensable” manter a actual división administrativa.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar